Os efectos "beneficiosos" da Covid: as toxoinfeccións alimentarias baixaron á metade en 2020

Máis da metade dos casos rexistrados foron intoxicacións por histamina ou infeccións por moluscos mal cociñados. As medidas sanitarias aplicadas para paliar a Covid axudaron para controlar outras transmisións.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 04/09/2021 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

A notificación de toxoinfecciones alimentarias en Galicia reduciuse á metade no ano 2020, no que se rexistraron 14 gromos, unha caída condicionada polo confinamento, a atención sanitaria non presencial, a menor realización de probas diagnósticas, e "outros factores que haberá que estudar".

Así, a doutora Ángela Pousa, do servizo de Epidemiología da Dirección Xeral de Saúde Pública, explicou, nunha entrevista a Europa Press, que a redución na notificación de gromos "pode ser resultado de varios factores" e non só da situación de pandemia, e apuntou que, xa nos últimos anos, eses focos de toxoinfeccións alimentarias viñeron diminuíndo en número.

"O descenso en 2020 obsérvase, pero viñamos dunha redución importante xa antes da pandemia", explicou, e apuntou que, só entre 2000 e 2004 foron notificados máis de 200 gromos. As cifras foron educíndose paulatinamente nos anos seguintes, condicionadas por varios factores, como a drástica redución das salmonelose (a infección producida pola 'salmonella enteritidis').

As medidas e hábitos asociados á pandemia de Covid, como o confinamento, o peche de locais de hostalaría e logo a súa apertura con condicións de distancia e aireación, o uso de máscara ou o aumento da hixiene de mans "axudaron" a baixar esas cifras de toxoifeccións pero, advertiu Ángela Pousa, "inflúen outros factores".

Nese sentido, sinalou que a maior parte das toxoinfeccións tradúcense en gastroenterites con vómitos e/ou diarreas, que son episodios curtos e que "a maioría de persoas non consultan", salvo que sexan casos de menores ou persoas vulnerables, que pode deshidratarse con facilidade.

Por outra banda, aínda no caso de que a persoa afectada consulte co seu médico e sexa atendida presencialmente, para que se confirme o problema é necesario que se indique un coprocultivo (análise de feces), que se diagnostique a enfermidade e que se relacione con outros casos.

TOSOXINFECCIÓNS ALIMENTARIAS MÁIS FRECUENTES

Ángela Pousa explicou que as enfermidades de orixe alimentaria poden producirse por infeccións (provocadas por microorganismos como a 'salmonella', 'norovirus', ou 'campylobater', un estafilococo ou un parásito) ou ben pola presenza de toxinas nun alimento (como a histamina que puiden haber en especies como o atún, a cabala ou o bonito), que provocan as coñecidas como intoxicacións alimentarias.

No caso das enfermidades provocadas por microorganismos como estafilococos, o uso de máscaras e o lavado de mans puido "influír" na súa redución xa que, por exemplo, impide que este tipo de bacterias, que viven no nariz ou en pequenas feridas que podemos ter nas mans, cheguen aos alimentos. Así mesmo, as máscaras ou a ventilación poden reducir a transmisión 'persoa a persoa' de virus que provocan gastroenterite (que adoitan ser máis frecuentes no inverno).

En todo caso, segundo os datos dispoñibles por Saúde Pública, máis da metade dos gromos notificados en 2020 foron por infeccións provocadas por norovirus ou pola histamina, unha toxina presente de maneira natural en certos alimentos e en cuxo crecemento non inflúen as medidas de hixiene antiCovid, senón máis ben a forma en que se conservan eses alimentos.

SALMONELOSE: DO 50 Ao 13 % DAS INFECCIÓNS NUNS ANOS

Con frecuencia, as intoxicacións alimentarias asócianse ao nome dunha bacteria concreta: a 'salmonella', pero hai que ter en conta que, xa antes da pandemia, veuse observado unha importante redución de casos de salmonelose en Galicia e no resto de Europa. Así, hai algo máis de 20 anos, as 'salmonellas' "eran o principal axente de toxoinfeccións", cun 50 % dos casos; con todo, no período 2010-2014 esa porcentaxe reduciuse ao 13 %.

Isto ten unha explicación e é que, no ano 2005, púxose unha marcha un programa a nivel europeo para eliminar a 'salmonella' en aves como pitos, galiñas poñedeiras, pirús, parrulos, etc. Deste xeito, as infeccións por este microorganismo caeron, ou se desprazaron cara a enfermidades provocadas por outros parentes, como a 'salmonella typhimurium', máis presente na carne (especialmente de porco).

Arquivo - Salmonella. CSIC - Arquivo
Arquivo - Salmonella. CSIC - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta