Galicia baixa os novos contaxios a 150, un 15% dos que se rexistraban hai un mes

A taxa de positividade é ademais do 3,66%, a cifra máis baixa --por baixo do 5% que marca a OMS-- desde que comezou a quinta onda

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 08/09/2021 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

Galicia dobra a curva da quinta onda cunha melloría de todos os indicadores, incluída a presión hospitalaria --con 21 hospitalizados menos nas últimas 24 horas--, que tamén descende dunha forma máis pronunciada que en xornadas anteriores. Así, os novos contaxios sitúanse nos 150 --un 15% dos casos que se rexistraban hai un mes, cando roldaban os 1.000 diarios-- e as infeccións activas superan lixeiramente os 5.000 casos. A taxa de positividade, ademais, é do 3,66% --por baixo do 5% que marca a OMS--, a cifra máis baixa de toda a quinta onda.

Así, segundo a información notificada polo Sergas este mércores (con datos solicitados ata as 18,00 horas do martes), nas últimas horas confirmáronse 150 novos contaxios por este coronavirus, o que supón seis casos menos que os notificados a xornada anterior.

Por áreas, as novas infeccións descenden en todas, excepto en Vigo, Lugo e Pontevedra, que rexistran lixeiros incrementos. Deste xeito, na área sanitaria coruñesa detectáronse 16 novos contaxios (32 menos que hai 24 horas), en Santiago hai 28 casos novos (sete menos), e na área de Vigo notificáronse 42 contaxios (22 máis).

En cambio, a área de Lugo rexistrou 26 contaxios, un máis que hai un día; na área de Ourense notificáronse 16 novos contaxios (4 menos); na área sanitaria de Pontevedra foron 13 casos novos (cinco máis); e na área de Ferrol rexistrouse tres contaxios novos (un menos que hai un día).

No balance deste mércores, Sanidade informa de que Galicia conta con 5.177 persoas coa infección por Covid activa, o que supón 379 casos menos que os notificados o luns. Por áreas, o maior número de enfermos está na da Coruña, con 1.301 casos (99 menos), seguida por Lugo, con 1.050 casos (90 menos); na área de Santiago hai 938 casos activos (82 menos), na área de Vigo son 768 casos (52 menos), na de Ourense hai 543 casos (14 menos), en Pontevedra hai 316 infeccións activas (11 menos) e na área de Ferrol hai 261 casos (31 menos).

PRESIÓN HOSPITALARIA

No que respecta á presión hospitalaria, nas últimas 24 horas descenderon os pacientes ingresados por covid nos hospitais galegos, aínda que en UCI, aumentaron lixeiramente.

Así, mentres que hai 120 enfermos en unidades convencionais de hospitalización (24 menos que hai un día), hai outros 49 pacientes en unidades de coidados críticos (tres máis): 15 na área da Coruña (+2), 8 na área de Ourense (sen cambios), sete na área de Vigo (+1) e outros tantos na área de Ferrol (+1), cinco pacientes en UCI na área de Pontevedra, catro en Lugo (sen cambios) e outros tantos na área de Santiago (sen cambios).

En canto ás camas ocupadas en 'planta', descende o número en todas as áreas menos na de Lugo, que se mantén con 21 pacientes en unidades convencionais. Así, na área da Coruña son 30 os hospitalizados en planta (-9); na de Ferrol, 13 (-2); na de Ourense, 16 (-4); na de Pontevedra, nove (-2); na de Santiago, 13 (-1) e na de Vigo, 18 (-6).

Persoas acoden ao Espazo Xove de Ourense a realizan algún trámite realacionado coa Covid.. ÁREA SANITARIA DE OURENSE
Persoas acoden ao Espazo Xove de Ourense a realizan algún trámite realacionado coa Covid.. ÁREA SANITARIA DE OURENSE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta