O xogo das eléctricas: ocultar todo a quen consomen e presionar ás autoridades

A falta de transparencia dentro do mercado eléctrico é o primeiro manto que oculta as manobras detrás do aumento de prezos da luz. Organizacións de consumidores denuncian o “inflado” de prezos por parte do oligopolio eléctrico sen unha supervisión por parte do Estado. Estamos pagando os consumidores o xogo das eléctricas?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 08/09/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As organizacións de consumidores ademais de expertos en economía e enerxía consideran necesario o cambio do marco regulatorio para mercado eléctrico. As palabras da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, pedindo “empatía social” evidenciaba “o recoñecemento da alta marxe de beneficios das eléctricas”, mais tamén recoñecía que o Goberno non pode facer case nada ante a suba da luz. O mercado enerxético en España é un complexo de leis, regulamentos, medidas e outras manobras legais que dificultan a intervención das autoridades públicas fronte o aumento de prezos. Por outra parte, a baixa do IVE que aprobou o Goberno central, medida ben recibida polas eléctricas, non foi abondo para frear o que moitos e moitas consideran un exercicio especulativo que, para outros moitos e moitas, pode acabar nunha burbulla especulativa como a de 2008 e a subseguinte crise económica.
CON LUZ DE DÍA E ALEIVOSÍA

Estracto de factura da luz
Estracto de factura da luz | Fonte: Galicia Confidencial

“Os consumidores e consumidoras non estaban informados sobre a suba que viña. Iso si, o novo modelo tarifario aplicouse a partir do 1 de xuño a comezos do verán mais será agora en outono e inverno cando se coñezan as verdadeiras repercusións” di Miguel López da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). O temor para Miguel López está no consumo realizado en horas pico de 18:00 a 22:00 por exemplo, cando nos fogares se consume máis electricidade durante as épocas de menos luz solar.

A cantidade de luz solar  durante o verán non foi impedimento para que as empresas hidroeléctricas elevasen os prezos da enerxía. “A enerxía hidroeléctrica marcou prezos elevados na poxa dentro do mercado porque o marco regulatorio favorece que as eléctricas inchen os prezos” declara Rubén Sánchez, secretario xeral de Facua. Inchar os prezos tiña parte da súa orixe no baleirado de encoros que tamén afectou a Galicia, exactamente na área da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. “Isto indica que se debe revisar a normativa de augas para evitar máis episodios como este”.

Mais o preocupante segue sendo a aplicación das novas tarifas eléctricas coa chegada do outono e do inverno. “Os tramos regulados dobrarán os seus prezos mentres que os non regulados poden pasar a triplicar custes” di Miguel López. A explicación que ve López é a présa do Goberno central para dar paso á transición enerxética. “Non era o momento e ademais, o Goberno falara dun desconto para a factura da luz dun 15%...que aplicarán a medio prazo, catro ou cinco anos”.

Diante dos resultados e das perspectivas sobre a factura da luz, o Executivo central decide no mes de xullo de 2021 rebaixar do 21 ao 10% o IVE ás eléctricas ata fin de ano. “Non é suficiente, é unha boa medida mais non é suficiente porque a falta de ingresos polo IVE ás eléctricas sairá dalgunha parte” di López. Entón, non sería nada improbable que a suba de prezos estea a compensar a falta de ingresos do Estado por IVE en canto consumo eléctrico.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, intervén nunha rolda de prensa posterior a unha reunión co secretario xeral das Nacións Unidas, 2 de xullo de 2021, no Palacio da Moncloa, Madrid. (España).. Jesús Hellín - Europa Press
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, intervén nunha rolda de prensa posterior a unha reunión co secretario xeral das Nacións Unidas, 2 de xullo de 2021, no Palacio da Moncloa, Madrid. (España).. Jesús Hellín - Europa Press

O MERCADO MANDA

Galicia Confidencial tentou explicar no seu momento como actúan as empresas eléctricas no mercado de prezos. Se se profunda un pouco máis poderase ver que no caso español existe un case oligopolio repartido entre Endesa, Iberdrola e Naturgy que ocupan algo máis do 80% do mercado español. “A lei 54 de 1997 sobre o sector eléctrico trouxo tanto a trampa como a solución para frear un oligopolio” di Rosa Regueiro, profesora do Departamento de Economía Ecolóxica e Recursos Naturais da USC. “Unha empresa non pode centralizar todas as actividades do sistema eléctrico. A solución é dividir a empresa, así podemos ter por exemplo, Iberdrola Produción, Iberdrola Distribución e Iberdrola Renovables, son empresas diferentes mais son o mesmo grupo”.

A cuestión é saber se existen solucións ao oligopolio como por exemplo, poder actuar legalmente para dividir as empresas. “Iso chocaría coa lexislación actual, tanto española como da UE. Non se pode ir contra o mercado mais si contra as accións abusivas” di Regueiro. Outra solución foi apuntada desde o Executivo central, a creación dunha empresa pública de enerxía. “Non creo que unha empresa pública sexa a solución porque acabaría entrando no mercado eléctrico” di Miguel López. “Podería axudar aínda que non vexo esa alternativa como unha solución” sinala Regueiro quen sinala un posible beneficio dunha empresa pública “a información sobre os prezos da enerxía e as actuacións do mercado eléctrico deixarían de ser asimétricos, gañaríase en transparencia”.

E sería factible ter a finais de 2021 os  mesmos prezos que 2018 como anunciou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez? “En xaneiro de 2018 Sánchez critica a Rajoy polos prezos da luz, ese foi o segundo ano co prezo máis elevado da luz. Se se cumpre o dito por Sánchez, a final de 2021 estariamos pagando prezos de 2018 máis a suba do IPC” di Rubén Sánchez. Miguel López sinala que non é factible o anuncio de Sánchez. “O dito polo presidente do Goberno é algo que non está contrastado, con prezos superando os 100€ por Mw/h é complicado baixar a contía das facturas actuais”. “Non creo nas utopías, oxalá baixe aínda que 2018 tampouco foi un ano precisamente barato, ademais, debemos ter en conta o lobbying que as eléctricas exercen sobre a clase política” matiza Regueiro.

FACTURA E FENDA SOCIAL

Unha consecuencia directa das subas nos prezos da enerxía é o efecto “fenda social”. Haberá familias que poderán enfrontar o encarecemento da luz, outras poderán a conta dalgún sacrificio e outras directamente, non poderán. O aumento dos custes sobre a enerxía aumentará a fenda social, segundo asociacións de consumidores e expertos. “Co bono social creado por Zapatero beneficiábanse familias numerosas, mais iso incluía familias numerosas de alto poder adquisitivo, cousa que non é xusta” apunta Rubén Sánchez.

O representante de Facua considera moi importante a creación de tarifas sociais para axudar ás familias máis vulnerables coa factura eléctrica. “Para aplicar o bono social primeiro hai que pasar polas empresas e isto implica unha cadea de obstáculos e penalizacións para que unha familia saia beneficiada por ese bono social” apunta Miguel López.

O presidente de UCGAL cre na necesidade de pensar na electricidade como un servizo básico. “Debería haber unha división entre o que é consumo doméstico e o consumo industrial e doutros sectores”, creando tarifas específicas para cada un. “A lei si pode intervir cando se producen abusos e os prezos agudizan a fenda social, a electricidade é un ben esencial que sen el pode paralizarse un país” lembra Rosa Regueiro.

A electricidade é esencial para o desenvolvemento da sociedade e a pesar de dita esencialidade, as empresas encargadas de producir e subministrar esa enerxía incrementan os prezos desde o 1 de xuño deste 2021, cando cambia o modelo tarifario. O medo está en como afectará ás familias durante a época do ano máis dura, outono-inverno. Finalmente, será posible a revisión en profundidade do marco legal enerxético?

A vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribeira.. DIMA - Europa Press
A vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribeira.. DIMA - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta