Por GC Tendencias | Santiago | 27/01/2014 | Actualizada ás 19:53
Kepa Junkera, o músico euskaldún máis importante, influínte e internacional do momento, presentará o vindeiro 1 de febreiro no Teatro Principal de Santiago ‘Galiza’ (Fol Música 2013), o seu último traballo discográfico. dedicado á música tradicional galega. Estará acompañado de Xabier Díaz (voz de Berrogüetto, aCadaCanto ou Tres Peixes Voando), ademáis de seis músicos tanto vascos como galegos.
‘Galiza’ é o proxecto máis ambicioso da súa carreira no que se rodeou dos mellores músicos e artistas galegos: Xabier Díaz, Davide Salvado, Cristina Pato, Xosé Manuel Budiño, Banda das Crechas, Leilía, Luar na Lubre, Susana Seivane, Radio Cos, Os Cempés, SondeSeu, Uxía, Treixadura e moitos máis.
En “Galiza” a trikitixa, o tradicional acordeón diatónico vasco, fúndese á perfección coas gaitas, as voces, os pandeiros, as harpas, os acordeóns... para crear un universo de música tradicional perfecto. O eixo musical Galicia-Euskadi tivo moitos achegamentos ao longo dos anos, pero nunca estivera tan ben representado como neste dobre álbum que Junkera vén de sacar á luz.
‘Galiza’ conta cunha presentación espectacular: un libro de 23x23 cm, de tapas duras, 50 páxinas con ilustracións, fotos e textos. Junkera está a percorrer toda a Península para presentalo. Este concerto forma parte do Ciclo Sons 2014.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.