Brais Revaldería mergulla ao público na Rapa das Bestas

O gañador de dous Emmy leva a festa galega ao panorama internacional con proxeccións de 270º, sons realistas e narración inmersiva.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/05/2025 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

O cineasta galego Brais Revaldería, recoñecido internacionalmente polos seus traballos inmersivos, mergúllase agora na Rapa das Bestas de Sabucedo cun proxecto multisensorial que permite ao espectador “sentirse no centro dun ritual ancestral”. A experiencia, con proxección de 270º, imaxes en 8K e son ambisónico, estrea un novo formato de narración audiovisual que xa foi presentado no Festival de Cannes dentro da sección competitiva dedicada a obras inmersivas.

O produtor e cineasta galego, Brais Revaldería. EUROPA PRESS GALICIA
O produtor e cineasta galego, Brais Revaldería. EUROPA PRESS GALICIA | Fonte: Europa Press

Revaldería, gañador de dous premios Emmy e un León de Ouro de Cannes, explica que a idea naceu hai oito anos como un documental tradicional, pero pronto evolucionou cara a unha proposta máis sensorial. “Decidimos distanciarnos do cinema convencional e dar lugar a algo que permitise vivir a rápaa desde dentro”, comenta. O proxecto tamén inclúe unha longametraxe, actualmente en fase de postprodución, da cal se exhibiu un fragmento no Hot Docs de Canadá.

A instalación permite ao público non só ver e escoitar, senón tamén cheirar a herba e os animais do monte galego, grazas ao uso de cheiro ambiental. “O espectador vaise sentir rodeado do monte e da xente de Sabucedo, como se estivese no curro”, afirma o cineasta lucense, que destaca a boa acollida da peza en Cannes, onde pasaron pola experiencia preto de 2.000 profesionais do sector. “Houbo xente que se emocionou; non deixa indiferente a ninguén”, asegura.

De cara ao futuro, Revaldería adianta que prepara unha estrea oficial en Galicia e que xa traballa en novos proxectos, entre eles dúas producións en Marrocos e Colombia, outra sobre surf extremo nas costas galegas e unha máis cunha coñecida deportista de elite lucense. "Fillos do Vento", título da experiencia da Rapa, marca un punto de inflexión na súa carreira, ao tratarse dun proxecto máis independente e conectado coas súas raíces.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta