A tromba de auga na comarca da Coruña sáldase con locais e garaxes alagados e algunha estrada cortada

En Bergondo produciuse o desbordamento do río Maior e unha familia tivo que ser auxiliada en Oleiros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2021 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

Locais e garaxes alagados, así como algunha estrada cortada ou o desbordamento do río Maior, de Bergondo, é o balance das principais incidencias pola tromba de auga rexistrada a última hora da tarde do luns na comarca coruñesa.

Así o informou o 112 e explicaron tamén a Europa Press desde distintos concellos como o de Cambre. Desde este consistorio, destacaron a inundación rexistrada no colexio do Graxal e no polideportivo ou a caída dun muro en Pravío, que obrigou a cortar o tráfico.

Tamén houbo baixos alagados na zona de O Amorne e da Barcala, con terrazas afectadas e garaxes. O mesmo ocorreu en Culleredo. A principal foi no centro comercial Hiper Gadis do Burgo onde, explican fontes municipais e informou o 112, parte do teito esborrallouse pola cantidade inxente de auga, abrindo unha fenda.

Non houbo, no entanto, que lamentar danos persoais. Ata o lugar desprazáronse os efectivos da Policía Local de Culleredo, Garda Civil e os Bombeiros do parque comarcal de Arteixo.

Rúas alagadas con garaxes afectados en varios puntos do municipio foi outra das incidencias. "De especial relevancia os da urbanización Tenro Galván e os de Fonte da Balsa", apuntan desde o consistorio. Neste último caso tamén se viron afectados os ascensores.

OUTROS DANOS

Varios locais de hostalaría e coches rexistraron tamén danos, así como colectores e arquetas e na propia rede de sumidoiros. En Bergondo, as incidencias principais foron a inundación de rúas no polígono do municipio; o desbordamento do río Maior en Lubre ou o alagamento de varios locais comerciais e garaxes en Guísamo, así como de dúas vivendas en Miodelo.

A estes datos, súmase o balance publicado polo 112. Así, os equipos de emerxencia axudaron a saír dun vehículo que resultou alagado polo nivel da auga da choiva na AC-12, en Oleiros, ao seu catro ocupantes, dous adultos e dous menores. Os feitos tiveron lugar sobre as 20,30 horas deste luns, cando un particular se puxo en contacto co 112 Galicia para solicitar axuda debido a que se quedou atrapado nun coche polo nivel da auga.

Nese momento, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112 Galicia) informaron da situación á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos membros do Servizo de Emerxencias de Oleiros. Así, os efectivos desprazáronse ao lugar e axudaron a saír do turismo a dúas persoas adultas e a dous menores, que non resultaron feridas.

Por outra banda, desde esa hora e ata practicamente o final da xornada, o 112 Galicia recibiu varias chamadas de danos e situacións de emerxencia ocasionadas polas choivas, a gran maioría na provincia da Coruña. Así, en Oleiros os equipos de emerxencia tamén traballaron para atallar danos causados por inundacións producidas na avenida das Mariñas e as rúas Perseo e Rosalía de Castro, entre outras.

Dúas mulleres camiñan baixo a choiva no paseo marítimo da Coruñ. M. Dylan - Europa Press
Dúas mulleres camiñan baixo a choiva no paseo marítimo da Coruñ. M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta