Denuncian a construción dunha presunta senda ilegal á beira do río Mendo que atenta contra o patrimonio natural

A Sociedade Galega de Historia Natural apunta que na zona hai especies ameazadas e denuncia a tala de árbores autóctonas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/09/2021 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Historia Natural vén de presentar este luns dia 13 as correspondentes denuncias ante os organismos competentes pola construción dunha ruta de sendeirismo nun treito do río Mendo de 4 km entre Trasanquelos e Burricios, iniciada hai semanas polo Concello de Oza-Cesuras.

Río Mendo
Río Mendo | Fonte: Wikiloc.

Segundo dende indican dende o organismo, foron Informados por particulares que viron invadidas ilegalmente as súas parcelas "sen ningún tipo de información previa nin consentimento" e puideron constatar a finais da semana pasada a "amplitude" das obras realizadas. A Sociedade Galega de Historia Natural afirma que Augas de Galicia informou de que non tiñan constancia de ditas obras nin deran autorización para realizalas, e Medio Rural comunicou a ausencia de permisos para as talas.

O organismo denuncia que "esta actuación presuntamente ilegal xa ten creado situacións moi tensas", e exemplifica co caso no que por pouco non se chega a agresión cando un propietario botou ós obreiros da súa parcela. 

ORGANISMOS IMPLICADOS

A SGHN ten presentado denuncias ante Augas de Galicia (por actuacións presuntamente non autorizadas na zona de policía do río), ante a consellería de Medio Rural (pola corta de arborado autóctono), ante Patrimonio Natural (pola afección a un hábitat prioritario que alberga especies ameazadas) e ante a propia Conselleira de Medio Ambiente, para "que non financie nin consinta a construción dunha ruta totalmente innecesaria que atenta contra o noso patrimonio natural".

 

Segundo din, presentarán proximamente denuncia ante a Fiscalía por presuntos delitos continuados contra a propiedade privada e o patrimonio natural, para "que se avance na posibilidade de inhabilitar á persoa ou persoas que ordenaron actuacións que claramente son contrarias a Dereito".

 

AFECCIÓNS Á BIODIVERSIDADE

 

As parcelas afectadas presentan un hábitat prioritario para a Unión Europea, clasificado como «91E0* Bosque aluvial de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior». A zona conta, sosteñen, coa presenza de numerosas especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, como a Chioglossa lusitanica, Elona quimperiana e Narcissus asturiensis, entre outras.

Na inspección realizada, indican, puideron observar a eliminación da vexetación en varios tramos de río. Ademais de deixarse o solo "totalmente espido", nalgunha das parcelas afectadas cortouse "todo o arborado autóctono" (castiñeiros, carballos, abeleiras, loureiros, etc.), malia "presentar algúns exemplares diámetros na base superiores ós 15 cm". Esta actuación afectou tamén a vexetación situada no dominio público hidráulico.

A  Sociedade Galega de Historia Natural sinala que as sendas pola zona de servidume de tránsito dos ríos son "especialmente lesivas para as comunidades ribeiráns de especies silvestres". E denuncia que, en casos coma este, no que segundo informacións recibidas preténdese pavimentar a senda para maior comodidade dos paseantes, a afección "aínda é moito máis grave, por destruír unha ampla superficie de solo fértil e facilitar o tránsito de todo tipo de vehículos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta