Denuncian negociacións "prohibidas, con pinchos e viño" entre a Xunta e empresas mineiras

Ecoloxistas en Acción vén de levar á Comisión de Transparencia estes encontros que, aseguran, poderían ser constitutivos de delito.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2021 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A Xunta podería estar a manobrar para volver a autorizar o vertido de augas da mina de San Finx. Logo de múltiples denuncias do movemento ecoloxista pola suposta presenza de materiais pesados nesta balsas de auga, Ecoloxistas en Acción vén de apuntar a “negociacións prohibidas” que a administración autonómica tería mantido con representantes da empresa que xestiona a mina o pasado verán. 

Complexo administrativo da Xunta en San Caetano
Complexo administrativo da Xunta en San Caetano | Fonte: eldiario.es

A información, á que se accedeu por “filtracións” de funcionarios da Xunta, apunta a varias reunións desenvoltas ao longo deste verán nas que se contou con “pinchos e viño”, segundo detallan dende a formación ecoloxista. Precisamente, a asociación verde apunta a que demandou da Xunta máis información sobre os encontros --incluído os custos das “amenidades” ofrecidas--, pero esta teríase negado a responder, circunstancia ante a cal Ecoloxistas vén de interpoñer unha denuncia ante a Comisión de Transparencia, segundo subliñan. 

“A Xunta non quixo nin dar os nomes dos asistentes nin indicar cal fora a axenda e resultados da reunión”, engaden. A problemática dos vertidos da Mina de Touro atópase pendente dende 2016 e trátase dun proceso “cheo de irregularidades fraudes e mentiras, comezando pola propia ausencia de avaliación de impacto ambiental para unha mina que vén causando impacto continuado con metais pesados na ría de Muros-Noia”, detallan.

A primeira das reunións, que tería tido lugar o pasado 26 de xullo, congregou --aseguran dende a asociación-- ao Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde; a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; a Conselleira do Mar, Rosa Quintana; a Directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez; a Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría; e a Directora do INTECMAR, Covadonga Salgado.

"ESCURAS MANOBRAS"

“O obxecto da reunión, á que tamén asistiron os alcaldes de Lousame, Noia e Porto do Son, máis non o de Outes, que foi excluído por ser o único non electo en listas do Partido Popular, non era outro que tentar desactivar a oposición das catro confradías de pescadores da ría, asegurando que o novo tratamento das augas residuais da mina que Sacyr presentara un mes antes sería totalmente efectivo e que a explotación mineira estaría en funcionamento nun prazo de 10 meses”, engaden.

Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta. EUROPA PRESS - Arquivo
Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta. EUROPA PRESS - Arquivo

A segunda reunión tería tido lugar o pasado 10 de setembro. En conxunto, a asociación critica as “escuras manobras da Xunta para tentar desarticular a oposición social” fronte ao “enorme problema de contaminación por metais pesados que xera a mina de San Finx”. Ecoloxistas asegura tamén que podería tratar dun “delito de negociacións prohibidas a funcionarios públicos”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eumesmo

Grandes, os de ecoloxistas en acción.