As eléctricas poderían seguir explotando As Pontes e Meirama grazas a unha concesión da Xunta

Os proxectos implicarían verquer augas con metais pesados sobre zonas protexidas, segundo Adega.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2021 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

As denuncias ecoloxistas volven pender sobre a Xunta de Galicia. Desta vez, as críticas de ADEGA refiren dous dos puntos negros do territorio para o movemento verde: Meirama e As Pontes. Segundo destacan dende a asociación, a Xunta viría de tramitar dous aproveitamentos hidroeléctricos nas lagoas artificiais ao pé destas centrais. O problema estaría en que este uso podería ameazar “a vida dos ríos e a calidade do subministro”.

Lago das Encrobas - La Voz de Galicia
Lago das Encrobas - La Voz de Galicia

Dende a asociación denuncian que este aproveitamento se faga co único obxectivo de “seguir a engordar os beneficios das eléctricas”. Así, acusan á Xunta de facer unha interpretación da lei favorable a estes grupos empresariais, xa que os proxectos poderían esquivar os límites do Plano hidrolóxico Galiza-costa a este tipo de instalacións pero, aínda así, redundaría nunha alteración das marxes dos ríos, “e modificando os reximes hídricos naturais das bacías ao ritmo que marquen as promotoras”.

ARSÉNICO E NÍQUEL

O risco viría porque, de acordo coas mesmas fontes, a calidade das augas de balsas mineira como as de Meirama e As Pontes “non son asimilábeis ás dun lago natural, nin sequera ás dun encoro”. Isto viría dado porque, en determinadas zonas, presentan “unha alta acidez e unha importante cantidade de metais pesados (particularmente arsénico, no caso das Pontes e níquel no de Meirama) debido á natureza das rochas das entulleiras ademais dunha baixa concentración de osíxeno”.

“Alén disto, tanto no caso da balsa de Meirama como na das Pontes, augas abaixo sitúanse dous espazos naturais protexidos, a ZEC Encoro de Cecebre e o Parque Natural das Fragas do Eume”, destacan, antes de apuntar que “non se pode pretender que as oscilacións dos caudais polo réxime de turbinado non alteren a dinámica natural dos ríos e dos espazos protexidos nos que desaugan, alén dos contaminantes que poidan mobilizarse dende as balsas, como recén vimos de ver no Eume”.

A iniciativa da Xunta para continuar explotando estes recursos hidrícos é vista dende Adegacomo unha mostra da xestión desenvolta pola administración autonómica, á que acusan de poñerse do lado das empresas aínda co prexuízo que podería carrexar sobre a contorna natural. "Logo de explotar as concesións públicas de recursos mineiros durante décadas, desfacendo o territorio e contaminando a cano libre coas súas térmicas, esgótase o carbón e pechan as minas. As concesionarias realizan unha restauración ‘low cost’ enchendo de auga os ocos mineiros mediante, de novo, un uso privativo dun recurso público: as augas dos ríos que quedaron nas bacías estragadas. Véndennos esas ‘restauracións’ como modélicas ao convertir dúas balsas mineiras en lagos co beneplácito da Xunta. E finalmente ao reverter ao dominio público os territorios ‘recuperados’, aparecen novos proxectos nas mesmas áreas xa asoballadas”, rematan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta