A Xunta erixe os Camiños do Norte en eixo vertebrador do turismo do norte peninsular

Mondoñedo acolle o Cume Interautonómico dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/09/2021 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou en Mondoñedo o Cume Interautonómico dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular, onde reivindicou que estas rutas constitúen o eixo vertebrador dos recursos turísticos, do patrimonio, da cultura e dos valores que comparte Galicia coas comunidades de Asturias, País Vasco e Cantabria.

A Xunta erixe os Camiños de Santiago do Norte en eixo vertebrador do turismo do norte peninsular
A Xunta erixe os Camiños de Santiago do Norte en eixo vertebrador do turismo do norte peninsular | Fonte: Xunta de Galicia.

Nesa liña, incidiu na fortaleza da España Verde para "resistir mellor que outros territorios" o impacto da pandemia, ao contar con "recursos turísticos únicos" como o Camiño de Santiago.

Ademais, engadiu que Galicia e as comunidades do norte peninsular contan con "produtos turísticos personalizados e seguros" que están a demandar os viaxeiros na actualidade para gozar dun "turismo tranquilo en espazos abertos e non masificado". Trátase dun modelo de turismo, explicou, que tamén ofrece o Camiño de Santiago.

Alfonso Rueda lembrou que a Xunta reforzou nestes meses a mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade e iso foi precisamente o que permitiu á comunidade "conseguir tan bos resultados neste verán", tras a implantación de medidas de prevención ante a covid no sector turístico ou medidas pioneiras como o seguro coronavirus ou a promoción con campañas como Camiña a Galicia.

O OBXECTIVO DE 140.000 'COMPOSTELAS'

Así, lembrou que o mes pasado Galicia foi o único destino en España que conseguiu superar os datos turísticos prepandemia, cun 70% máis de viaxeiros que en agosto de 2020 e 27 puntos por enriba da demanda estatal en comparación cos datos de 2019. Tamén as comunidades representadas neste cume conseguiron bos resultados situándose despois de Galicia.

O vicepresidente primeiro da Xunta tamén fixo referencia á reactivación do Camiño de Santiago co obxectivo --xa avanzado-- de superar este ano as 140.000 'compostelas' e coa previsión de conseguir esa cifra xa no mes de outubro.

Por iso, subliñou a importancia de abordar en cumes como este, organizado pola Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo, o Camiño desde diferentes perspectivas. Este cume abordará con expertos ata o domingo a importancia do Camiño de Santiago e, en concreto, das rutas do norte peninsular.

O encontro, que se inaugurou en Mondoñedo, continuará este sábado con máis relatorios en Lugo e finalizará o domingo en Santiago de Compostela, meta de todos os camiños.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta