Unións Agrarias acudirá á Xustiza para reclamar á Xunta os danos do lobo tras a cancelación de axudas

Animalistas instan o Goberno galego a "acatar" a maior protección desta especie, da que denuncian a súa "criminalización".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/09/2021 | Actualizada ás 19:58

Comparte esta noticia

Unións Agrarias (UU.AA.) avanza que acudirá á vía xudicial para reclamar á Xunta, en concepto de responsabilidade patrimonial, os danos que produza o lobo nas explotacións agrogandeiras. Esta decisión a toma despois de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anunciase a cancelación de axudas por ataques desta especie alegando que a súa maior protección fainas legalmente inviables.

Exemplar de lobo ibérico
Exemplar de lobo ibérico | Fonte: WWF.

Con todo, UU.AA. critica nun comunicado que parece que a inclusión do lobro na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lespre) "colleu de sorpresa" á Xunta e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica: "En dous anos de negociacións non foron capaces de porse de acordo sobre que pasaría coa xestión do lobo no momento da súa inclusión no decálogo".

Por iso, a organización lamenta que a vítima de "toda esta incompetencia" sexa "o gandeiro", que "sofre no seu patrimonio o custo de manter o lobo, xa que se estima que polo menos un terzo da súa dieta procede do gando doméstico que mata as explotacións".

Neste contexto, UU.AA. porase a disposición dos afectados para tramitar a reclamación xudicial dos danos á Xunta, xa que "segundo a xurisprudencia do Tribunal Supremo con varias sentenzas firmes" son as comunidades as que teñen "as competencias en xestión de medio ambiente e conservación da natureza".

ANIMALISTAS PIDEN Á XUNTA QUE "ACATE" A PROTECCIÓN

Fronte ás afirmacións de Unións Agrarias sobre que o lobo ibérico "non está en perigo de extinción en Galicia", a asociación animalista Libera reivindica as súas 40.000 sinaturas recollidas para que a Xunta "acate, dunha vez por todas", a orde estatal que incrementa o seu grao de protección.

Así mesmo, lembra o ofrecemento da Unión Europea de "apoiar os esforzos económicos" de conservación con fondos comunitarios que cubrirían "o 100%" da prevención de danos.

Libera denuncia que o papel do lobo ibérico no medio ambiente "está trufado de campañas de criminalización e odio que se están multiplicando na última semana" por mor da súa inclusión no Lespre.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta