A comunidade xorda galega reclama melloras educativas

Con motivo do Día Internacional das Persoas Xordas, membros deste colectivo de toda Galicia reuníronse este sábado.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/09/2021 | Actualizada ás 20:11

Comparte esta noticia

Con motivo do Día Internacional das Persoas Xordas, membros deste colectivo de toda Galicia reuníronse este sábado en Lugo para celebrar a efeméride e facer visibles as necesidades do colectivo. Nesta ocasión, o foco púxose no ámbito da educación, baixo o lema 'Inclusión real para o alumnado xordo'.

Linguaxe de signos
Linguaxe de signos | Fonte: santiagoturismo.com

A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), en colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Lugo (Asorlu) e as demais asociacións afiliadas, organizaron a concentración, que comezou cunha camiñada pola Muralla de Lugo tras a que se deu paso a un acto institucional no que participaron diversas autoridades.

No evento tivo lugar a lectura dun manifesto no que o colectivo destacou a importancia de acceder a unha formación adaptada ás súas necesidades en todos os niveis educativos, xa que consideran que é "a porta de entrada á integración sociolaboral".

Non en balde, consideran que "recibir unha educación accesible e completa desde os primeiros anos de vida permitirá a unha nena ou un neno xordo poder acceder despois a unha mellor formación e optar a un emprego de calidade, dispor de maiores recursos sociais e en xeral, mellorar a súa integración social e a súa vida diaria".

En concreto, as demandas céntranse en conseguir que o modelo educativo para os alumnos xordos sexa bilingüe en lingua de signos e lingua oral, e isto pasa por incorporar máis medios técnicos e humanos nos centros educativos.

Desde o colectivo reivindican tamén incorporar a figura do especialista en lingua de signos nos centros educativos nos que haxa alumnado xordo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta