Por Galicia Confidencial | A Coruña | 09/02/2014 | Actualizada ás 09:00
O exalcalde da Coruña e ex embaixador de España no Vaticano no Goberno de Zapatero, Francisco Vázquez, arroupou este sábado a Albert Rivera, presidente de Ciutadans-Partido de la Ciudanía, e impulsor do novo partido a nivel estatal Movimiento ciudadano, na súa presentación en Galicia.
A presenza e participación de Paco Vázquez causou unha fonda malestar entre os socialistas galegos, sobre todo, porque, segundo confirmaron fontes de este partido a GC, nin informou desta decisión, nin pediu a baixa do PSOE, a pesares de apoiar públicamente a outro partido.
Na presentación de Movimiento Ciudadano tamén participaron o exfutbolista Albert Luque, a avogada Carolina Punset, a xornalista Anna Grau, ademais do propio Rivera que insistiu en que este novo partido quere cambiar España "polas boas ou polas urnas".
A de Galicia é a quinta presentación desta nova formación que ten a súa orixe en Cataluña e copia o modelo de Ciutatans, tras os actos de Madrid, Barcelona, Valencia e Sevilla, e contou coa presenza de preto de 500 persoas.
"Esta iniciativa é un compromiso co conxunto dos cidadáns españois para facer fronte ás crises... a económica, a institucional e territorial e a ética con toda a corrupción política, que teñen solución, pois os problemas que ten a democracia resólvense con máis democracia", recolle parte dun manifesto lido no acto.
"Hai unha desafección cara á clase política, o que non podemos é manternos no catastrofismo nin pensar que as cousas se van a arranxar por si soas. O futuro será o que queiramos", engade.
Precisamente, a receita que propón este partido é un "proxecto común para todos os españois" e que "queiran os españois". Hai que xerar cambios e os cambios conséguense con maioría", engade.
A súa receita: "a democratización dos partidos políticos con eleccións primarias para a confección das listas e a apertura das listas electorais ademais de lograr "que dunha vez por todas a separación de poderes empece a ser efectiva".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.