José Coronado, tras recibir o Premio OUFF Televisión 2021: "Amo a TV por enriba de calquera outra plataforma"

O festival ourensán recoñece a súa extensa carreira profesional, con preto de 40 películas e máis dunha ducia de obras de teatro e series para televisión.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 29/09/2021 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

O actor José Coronado recibiu este mércores o premio OUFF Televisión 2021 en recoñecemento á súa extensa carreira profesional, con preto de 40 películas e máis dunha ducia de obras de teatro e series para televisión. "Amo a televisión por enriba de calquera outra plataforma", dixo o galardoado.

José Coronado recibe o Premio OUFF Televisión 2021, en Ourense
José Coronado recibe o Premio OUFF Televisión 2021, en Ourense | Fonte: OUFF.

O artista compareceu ante os medios antes da preestrea no Teatro Principal de Ourense da nova serie que protagoniza xunto a Luís Zahera e Nona Sobo, 'Entrevías'. Un encontro no que estivo acompañado da directora de programas de ficción de Mediaset España, Arantxa Écija, así como polo director do festival, Miguel Anxo Fernández.

Precisamente, Miguel Anxo Fernández agradeceu a súa presenza, así como a Mediaset España por seguir colaborando co festival, ao que levou a estrea de 'Entrevías'. Pola súa banda, Arantxa Écija, que lembrou que xa exhibiron no festival a serie 'Desaparecidos', asegurou que "sempre é un pracer volver".

Tras proclamar o seu amor pola televisión, Coronado deixou claro que non se trata dun medio menor". "Cando me dicían que fixese cinema e teatro, eu cría que estaban equivocados, seguín as miñas conviccións e non me equivoquei", dixo para subliñar que se gaña a vida "dignamente". "E teño o agarimo da xente porque entro cada noite nas súas casas", apuntou.

Sobre 'Entrevías' afirmou que é "un formato novo" nunha época na que "é difícil sorprender". "Descubrirase un barrio multicultural, multirracial e multisexual, multitodo, multi os tempos nos que vivimos", comentou.

Deste xeito, trasladou que o maior reto foi interpretar por primeira vez a un "avó". Así, sinalou que, cando leu os primeiros guións, pensou en porse "bastón" e "pelo branco". Con todo, asegurou que se deu conta de que "na realidade" ten un fillo de 30 anos, polo que podería "ser avó perfectamente". "Reivindico o avó do S.XXI, que nada ten que ver co que eu vía de pequeno", manifestou Coronado.

A serie aínda non ten data de estrea en televisión, pero a expectativa está en que sexa o próximo ano 2022. O que avanzou Coronado é que puido ver os tres primeiros capítulos e cre que enganchará o público "porque ten amor, acción, mundo escuro".

Preguntado sobre como se levaron as rodaxes en plena pandemia sanitaria, afirmou que non deixou de traballar en ningún momento fóra dos tres meses de confinamento total. "No persoal vivina como todo fillo de veciño, pero no profesional foi todo bo", manifestou.

En canto ao futuro, Coronado non adiantou proxectos asegurando que o único que pide é non deixar de traballar porque lle gusta "bailar co equipo" e porque aprendeu "a namorarse do que teñen das mans e non de proxectos futuros".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta