Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/10/2021 | Actualizada ás 20:00
A Consellería de Medio Ambiente vén de, segundo denuncian distintas entidades, permitir que unha empresa desmotase o guindastre de cigoñas na Polvoreira e sen "a presenza de ningún representante da administración que supervise cumprindo co acordado". Isto é: o acordado por diversas entidades coa consellería e o Servizo de Patrimonio Natural para que "adoptasen as medidas necesarias e se elaboraran protocolos adecuados para non volver cometer os erros da tempada pasada no anidamiento de cegoña branca na cidade de Ourense".
Desta forma, Amigos das Cegoñas, Ecoloxistas en Acción e Sociedade Galega de Historia Natural acordaron coa administración gardar e custodiar o substrato dos niños dos guindastres (nestes momentos eran Museo arqueolóxico, Barrocanes e Polvoreira). Trasladándoos así ao complexo ambiental do Rodicio no caso de desmontalos e ata que se decidise a súa nova localización, recolocando ás aves. Pero alertados por veciños e membros da asociación, Amigos das cegoñas comprobou que a Xunta estaba a incumprir o acordado e "tivemos que ser nós os que solicitamos aos operarios que depositasen os restos do niño nun lugar seguro para ser recollidos polo servizo de patrimonio natural".
A asociación Amigas das cegoñas reclama que se faga cumprir a Lei 42/2007 do 13 de decembro, de patrimonio Natural e de biodiversidade, e pór fin ao "total despropósito" que supuxo a xestión desta especie protexida o ano pasado en Ourense. Solicita, ademais, coñecer porqué se incumpriu o compromiso e protocolo acordado, porqué non había previsións para evitar esta situación, e porqué non se habilitou un niño sustitutorio. Piden que, tendo en conta que as tendencias da poboación da cegoña branca seguen a ser positivas e á alza, evitar "que nun futuro a súa presenza supoña dificultades na convivencia coa poboación e a contorna".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.