GC Aberto

Estado de Indefensión Permanente

Cinismo e hipocresía cando son os vellos/as as vítimas da estafa e da maior das indefensións: non poder valerse por si mesmas nun mundo que tampouco responde ás súas preguntas, nun mundo que suprimiu de golpe os portelos de reclamación e os negociados cara ao público...

Por Gamela | GC ABERTO | 09/10/2021

Comparte esta noticia
Non se trata de que a Tesourería da Seguridade Social se atope bloqueada 5 días por tarefas de mantemento, trátase de explicar os meses de indefensión durante a tramitación inicial dos ERTEs, fomos xenerosos -especialmente quen non necesitabamos tramitar ningunha solicitude ERTE para poder comer durante os meses do confinamiento- fomos xenerosos coas nosas administracións locais solicitando citas telefónicas para pagar un recibo ou un taxa antes de que che apliquen o recargo correspondente, fomos pacientes ante a neglixencia das empresas contratadas pola Administración Sanitaria para tramitar a campaña da vacinación -oia non me grite que eu son un simple teleoperador, non teño nada que ver co SERGAS- e fomos infinitamente pacientes para lograr descargar un Certificado COVID que teriamos que presentar ao día seguinte para acceder a un restaurante ou para poder viaxar por este mundo tolo no que case nada funciona, ou si funciona, somos nós os que aporreamos a web, saturamos de correos-e os buzóns dos negociados sen obter resposta algunha, gritamos desesperadamente nas redes sociais para que alguén tome nota da fraude ou da indefensión á que están sometidos os nosos dereitos e liberdades cívicas.

Unha traballadora e unha persoa maior nunha residencia da terceira idade
Unha traballadora e unha persoa maior nunha residencia da terceira idade | Fonte: QUINTAS FOTOGRAFOS

Ten graza escoitar os expertos reclamar procesos de dixitalización urxentes para saír da crise con máis forza e mellorar as nosas economías endebedadas e inflacionarias. Canto máis oimos a palabra dixitalización antes comprobamos a cantidade de páxinas web que se volven inaccesibles aos nosos vellos ordenadores -con sistemas operativos obsoletos ou navegadores que xa non se poden actualizar- Os bancos foron os primeiros en lanzar campañas de advertencia ante posibles fraudes na seguridade das nosas contas: smartphones cada vez máis potentes para descargar Apps (que ninguén sabe que fan e como funcionan e que datos recollen) e fomos moi xenerosos aceptando todas e cada unha das cláusulas para seguir operando co noso diñeiro depositado nos mesmos bancos (que xa non pagan un euro polos teus aforros) e que che cobran comisións abusivas polo mantemento dunha conta que realmente mantés ti mesmo: comprando un novo ordenador, tablet, smartphone e aceptando todas as cookies que se lles ocorran ás empresas emisoras do software que, segundo eles, protexerán a seguridade da túa minguada conta bancaria. O medo segue a gardar a viña...

Neste Estado de Indefensión Permanente, non se lle ocorra reclamar unha Oficina Presencial no seu pobo, xa as pecharon todas aproveitando ca pandemia pasou por eiquí e que ninguén podía solicitar cita presencial co Director da Sucursal, non xa para lograr que manteñan o Servizo Bancario polo que vostede decidiu, no seu día, abrir unha conta nesa sucursal, nin sequera deixáronlle a posibilidade de retirar todo o seu efectivo e cancelar a conta. Si quere facelo, terá que utilizar o caixeiro automático, o smartphone para socilitar cita co servizo de caixa e esperar a que chegue o día xoves entre as 9,30 e as 11 horas para achegarse á oficina central e alí confiar que alguén lle dea un feixe de billetes a cambio de asinar unha chea de papeis para poder cancelar a súa conta! É conveniente levar un sobre grande por si lle dan todo o diñeiro en billetes de 50, 20 ou 10 € (os billetes de 500 xa non están en circulación agás para narcotraficantes e demais xentes que non adoitan gardar cola).

Se nisto consite a Dixitalización, case mellor facémolo a man (ou a dedo) pois o resultado será o mesmo: ¿como non imos deixar a ninguén atrás, cando un tanto por cento significativo da nosa pirámide de poboación invertida son analfabetos dixitais dispostos a deixar os seus datos en calquera lugar sen sabelo... como non imos ter phising a moreas cando os usuarios non distinguen entre http e https e si o fan lles dá exactamente igual pois para eles/as iso que algúns chaman barra de navegación non se distingue da cola da panadería ou da barra do bar...?

Cinismo e hipocresía cando son eles/as as vítimas da estafa e da maior das indefensións: non poder valerse por si mesmas nun mundo que tampouco responde ás súas preguntas, nun mundo que suprimiu de golpe os portelos de reclamación e os negociados cara ao público... 

Curiosamente non crean que se reduciron os funcionarios, é que agora están teletraballando... mentres tanto os usuarios non dán chegado ao buzón, ao formulario, á aplicación... e ademais cando o logran fano mal ou de modo incompleto porque descoñecen absolutamente os protocolos informáticos e administrativos que están redactados para que ninguén os entenda (exactamente igual que a segunda folla da factura da luz, esa folla na cal todo multiplícase por dúas ou por tres como por encantamento) e claro, ao funcionario non lle chega o tempo para coreccións e novas peticións de datos que adían ao infinito a resolución do expediente.

Algúns expedientes adíanse 4 anos, porque non imos esixir que a Administración Local teña a ben resolver o noso asunto así como así, como van gastar nunha consulta individualizada para saber se este camiño é público ou non? 

En aras da eficiencia -non da eficacia- decidiron acumular varios expedientes semellantes ao seu e só entón contratarán os servizos dunha empresa experta en agrimensión (agora chámase cartografía computerizada e ninguén é capaz de entender un plano) para que resolvan 15 ou 20 expedientes simultáneamente; este é o xeito de non-funcionar que implica os 4 anos de atraso. Nin se lle ocorra molestar cun e-mail ao concelleiro de urbanismo: non obterá resposta algunha!

Cando tes que pagar algún imposto falo anualmente e puntualmente, pero cando eles teñen que resolver algo o fan antes de cinco anos e están dentro do prazo. 

É a lei do funil da dixitalización administrativa: a INDEFENSIÓN PERMANENTE... por que nin sequera che din por escrito que non pensan resolver o teu expediente, simplemente gardan un silencio eterno: están teletraballando se vostede quere poderá iniciar un procedemento contencioso-administrativo, pero... contra quen?

É a isto ao que algúns seguen chamando Democracia Liberal ?

O concepto foi redefinido: é democracia porque dilúe o poder niso que algúns pomposamente chaman "povo" pero que en realidade non é ningún pobo concreto e menos aínda persoas concretas, o "pobo" é como o pobo do lado -que aínda que veciños xamais deciden nada sobre as festas patronais- Da Festa Maior deciden única e exclusivamente o Alcalde e a tropilla de Concelleiras (agora hai moitas e moi ben vestidas) pois non imos preguntarlle ao "pobo" que quere facer en Festas... para iso votáronnos e agora decidimos nós a porta pechada por pandemia e xa serán consultados nas próximas eleccións! 

É liberal porque é arbitraria a resposta: a tí si e a tí non. Como imos tratar igual aos que son desiguais? Primeiro pasará o ministro e logo o camareiro -faltaría máis- está en xogo o concepto mesmo de "representación política". A quen reprensenta o camareiro, a ninguén, só a si mesmo e nin iso, porque o camareiro non sería ninguén sen o "empresario" que lle obriga a levar a chaquetilla co logotipo da súa empresa... así pois en caso de discutir algún dereito farémolo coa patronal e xamais co obreiro! 

Iso é precisamente o que significa "liberal" que temos ao fin a liberdade de sacudirnos de encima aos empregados e moi especialmente aos empregados molestos. Cando son "pelotas" soportámolos con resignación, pero si discrepan ou teñen algunha idea para resolver problemas enquistados, entón despedímolos!  

Isto é, precisamente, o que quere dicir que vivimos nun sistema liberal, que teñen a liberdade de buscarse a vida en calquera outro lugar do planeta sen darnos a lata: nós somos os exministros, nós os expresidentes, nós somos os extremos dunha cadea de valor que devoramos en minutos o que a outros lles custa construír con anos de suor... Por favor, non somos todos iguais !

Democracia liberal e Estado de Indefensión Permanente: a este binomio, antes da pandemia, chamábaselle Ditadura (ou dictablanda) E se ademais nomeas a unha Fiscal Xeral do Estado que está aí precisamente para que ninguén se mova demasiado, non vaia a ser que sexa capaz de chegar a algún lugar escuro e teñamos un problema, entón temos a ecuación perfecta para abandonar á súa sorte a quen "non teñen competencias dixitais suficientes" para ser tratadas como persoas con dereitos. 

Os nazis decidiron que os xudeos non formaban parte da sociedade alemá e terminaron por ser tan molestos ao sistema que foi preciso implementar a "solución final". 

Aínda estamos a tempo de responder cun NON, isto NON é democracia, amigos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Gostaríame deixar aquí unha cita breve de Juval Harari, do seu artigo no xornal El País titulado Os cerebros hakeados votan Cómo se hakean os nosos cerebros? Juval responde sinxelamente cunha frase: "O mellor método é pulsar os botóns do medo, do odio ou da cobiza que levamos dentro. Ese método empezou a utilizarse agora para vendernos políticos e ideoloxías" Seremos xa meros clons das nosas redes sociais ? É posible que non teñamos moito máis que decidir sobre nada absolutamente ? Acaso temos realmente criterios para decidir o noso futuro ? Son algunhas preguntas que cicais non teñan resposta...