A 'avalancha eólica', a un paso dos tribunais: "se a Xunta non recúa acabará no contencioso"

ADEGA anuncia un recurso de alzada contra dous parques cargados de "irregularidades". "Hai razóns máis que suficientes para acudir á vía xudicial", aseguran.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Logo de varios meses de mobilizacións, alegacións contra proxectos e marchas veciñais, a cuestión eólica comeza o lento tránsito á vía xudicial. A Asociación Galega Pola Defensa do Medio Ambiente (ADEGA) vén de anunciar a presentación de dous recursos de alzada contra senllos parques eólicos de Greenalia --a compañía que contratou á exconselleira Mato-- e que, segundo apuntan, virían de ser aprobados pola Xunta. 

Centos de persoas participan en Santiago de Compostela nunha manifestación contra os parques eólicos. César Arxina - Europa Press
Centos de persoas participan en Santiago de Compostela nunha manifestación contra os parques eólicos. César Arxina - Europa Press

A denuncia da asociación ecoloxista céntrase en dous aspectos centrais: por un lado, a aparente desprotección de especies protexidas e, por outro, a tan amentada fragmentación artificial dos parques --que en realidade serían só un--. O obxectivo desta práctica, como xa teñen explicado dende o movemento ecoloxista galego, pasa por segmentar proxectos eólicos en varios fragmentos de potencia menor a 50MW para que así a súa aprobación dependa da Xunta e non do Goberno central. 

“Se a Xunta non recúa, acabarán no contencioso”, aseguran dende a plataforma, que detalla que os parques eólicos “Bustelo” e "Monte Toural" promovidaos por Greenalia se sitúan na contorna da Braña Rubia-Lagoa de Alcaián e nas proximidades do Monte Castelo. “Nesta reducida área atópanse en tramitación outro parque eólico “Campelo”, tamén promovido pola empresa da ex-conselleira Beatriz Mato”, inciden.

FRAGMENTACIÓN "IRREGULAR"

O problema está en que, segundo detallan, trátase de tres parques da mesma promotora, que coinciden na mesma área xeográfica e partillan infraestruturas -liñas de evacuación, accesos e estación transformadora-. “Son por tanto, un mesmo parque eólico despezado en 3, para non superaren individualmente os 50MW de potencia e consecuentemente, seren tramitados pola Xunta”, apuntan de novo.

A ollos da plataforma, esta práctica supostamente fraudulenta persegue por unha banda acollerse ás vantaxes na tramitación administrativa derivadas da declaración de “interese especial” consonte a Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (alcumada "Lei de Depredación"), declaración que as tres instalacións citadas xa acadaron mediante Resolución do 27 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

“Por outra banda, a fragmentación dun mesmo proxecto en varias partes pretende tamén evitar unha axeitada avaliación ambiental ao ignorar os efectos sinérxicos causados polo conxunto dos proxectos sobre os hábitats, especies, paisaxes, patrimonio, recursos e servizos ecosistémicos presentes nas áreas de desenvolvemento eólico atinxidas”, explican.

ESPECIES ENDÉMICAS EN PERIGO

Por outro lado, a plataforma denuncia que as obras destes tres parques eólicos afectan tamén a especies vulnerábeis e en perigo de extinción, e mesmo a endemismos botánicos únicos.  Hai xa precedentes de danos a esta especies protexidas na contorna da Braña Rubia pola apertura dunha pista en 2016, denunciados no seu momento por ADEGA.

A plataforma pecha o escrito asegurando de novo que para ‘axustar’ os seus proxectos Greenalia “contou ademais con información privilexiada”. Neste aspecto, refiren as memorias técnicas do "Plan integral de recuperación e conservación das especies vexetais en perigo de extinción da zona de Bergantiños (Centaurea ultreiae Silva Pando e Euphorbia polygalifolia Welw. ExBoiss)", documentos non públicos entregados en 2010 para a protección destas especies e que a Xunta aínda non aprobou 11 anos despois.

“Presunta fragmentación artificial, danos a especies en perigo. tramitación fraudulenta, uso de información privilexiada, trato de favor... Hai razóns máis que suficientes para acudir nestes casos á vía xudicial, se como semella a Xunta vai manter a súa vontade de autorizalos. E hai outros parques eólicos en parecidas circunstancias contra os que dende ADEGA tentaremos actuar na medida das nosas posibilidades, logo de rematada a vía administrativa”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta