O acceso aos recursos da saúde mental no rural, unha asignatura pendente

FEAFES Galicia denuncia que a maior parte da poboación con problemas de saúde mental que vive no rural estea desatendida.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/10/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Este 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, conmemoración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole.

Movemento Galego da Saúde Mental
Movemento Galego da Saúde Mental | Fonte: movementogalegosaudemental.gal.

Este ano, o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións. Neste senso, dende Saúde Mental FEAFES Galicia queren poñer o foco sobre "unha realidade moi palpable no noso territorio que se puxo de especial manifesto coa irrupción da COVID-19: a

dificultade de acceso aos recursos de saúde mental que sofren as persoas que viven nas

contornas rurais".

En Galicia, máis do 60% dos concellos teñen menos de 10.000 habitantes, e 119 deles contan con menos de 2.000 habitantes. Isto provoa que haxa unha gran dispersión xeográfica e un importante illamento poboacional, dificultado por tanto o acceso a certos recursos especializados por parte de moitas persoas. No caso da saúde mental, a poboación que vive no rural ten menos posibilidades de recibir axuda ou acudir a servizos especializados, xa sexan de carácter sanitario ou social, debido á escaseza ou inexistencia dos mesmos nas súas contornas.

"Existe un problema de acceso e transporte, que ás veces esixe costearse transportes privados que non están ao alcance de todo o mundo", apuntan desde FEAFES Galicia. Por outra banda, hai un gran descoñecemento por parte das familias e persoas achegadas sobre as propias enfermidades mentais, o que leva moitas veces a unha inacción na busca de axuda sanitaria ou social e, consecuentemente, ao illamento destas persoas.

"Todos estes factores provocan que a maior parte da poboación con problemas de saúde mental que vive no rural estea desatendida, agravando así a súa patoloxía, provocando o seu illamento, limitando a súa participación social, e favorecendo posibles situacións de tensión e estrés na contorna familiar derivados da enorme carga que implican as tarefas de coidados", conclúen.

ACTOS

Por outra banda, aConsellería de Sanidade conmemora o Día Mundial da Saúde Mental, que cunha xornada de traballo titulada 'Intervención comunitaria en saúde mental'.

Segundo informou o departamento nun comunicado, a xornada celebrouse este venres na sede da Axencia de Coñecemento en Saúde e estivo dirixida aos profesionais da sanidade. Retransmitiuse ademais a través da plataforma de teleformación e de redes sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta