Os maiores de idade poderán pedir dende o 1 de novembro o "bono cultura"da Xunta, con descontos de ata 50 euros

Os establecementos interesados poderán desde o vindeiro luns, 18 de outubro, para adherirse á campaña.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 11/10/2021 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

Todas as persoas maiores de 18 anos poderán solicitar a partir do 1 de novembro o chamado 'bono cultura' da Xunta, que permitirá descontar ata 50 euros en establecementos adheridos como teatros, museos, salas de concerto e librarías, entre outros. Esta campaña estará vixente ata o 31 de decembro, polo que tamén está pensada para as compras de Nadal.

Así o avanzou este luns o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, antes de manter unha reunión con representantes do sector no Edificio Fontán da Cidade da Cultura para presentarlles esta iniciativa, que foi aprobada polo Consello da Xunta o pasado 23 de setembro.

A Administración autonómica consignará un total de dous millóns de euros para pór a disposición dos galegos estes bonos de ata 50 euros que "van posibilitar descontos dun 50% nos establecementos adheridos" para a compra de libros, entradas de concertos e, mesmo, videoxogos.

Precisamente, o conselleiro avanzou que será a partir do próximo luns, 18 de outubro, cando os negocios interesados poderán inscribirse para participar nesta campaña. Cada local poderá realizar descontos ata un tope de 20.000 euros en total.

Os negocios adheriranse ata o 1 de novembro, día a partir do cal todos os maiores de idade poderán acceder a un portal web para descargar o bono desconto, un por usuario. O obxectivo da Xunta é chegar a unhas 39.500 persoas.

"SEN LÍMITE DE OPERACIÓNS"

Tal e como explicou o conselleiro, cada cidadán poderá realizar tantas compras como desexe "sen límite de operacións", ata que a cantidade descontada chegue ao máximo de 50 euros. Por exemplo, unha mesma persoa pode optar por adquirir cinco libros que custen 20 euros, respectivamente, de modo que o bono bonificará 10 euros por cada un --un total de 50--; ou unha soa entrada para un concerto por 100 euros, xa que se descontarán 50.

O 'bono cultura' da Xunta pretende "incentivar o consumo nos últimos meses do ano 2021" para así "contribuír á reactivación" do sector "e por extensión" favorecer o emprego, segundo destacou Román Rodríguez.

Esta campaña xorde no plan de reactivación da cultura aprobado pola Xunta o ano pasado, mentres que tamén está incluído no ditame da comisión para a recuperación poscovid do Parlamento galego.

INTENCIÓN "ELECTORALISTA" DO BONO DO GOBERNO CENTRAL

Durante a presentación ante os medios, o conselleiro diferenciou a intención que ten este bono da Xunta do que a semana pasada anunciou o Goberno central, con 400 euros para mozos que cumpran os 18 anos.

"Hai diferenzas radicais. A máis importante é o obxectivo: o noso é incentivar o consumo cultural e, por extensión, incentivar o emprego", reivindicou Rodríguez, quen considera que "a percepción xeral" é que o do Executivo de Pedro Sánchez ten unha "orientación moi electoralista".

"Por que un mozo de 18 anos si pero uno de 22 non?", preguntouse, para criticar a "desigualdade" que implica a iniciativa do Goberno en contraposición á da Xunta, que está dispoñible para todos os maiores de idade.

Para o conselleiro, isto "non ten unha explicación moi lóxica" e, por iso, "algunhas persoas" consideran que é un "mecanismo de carácter máis electoral que de apoio á cultura".

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presenta ante os medios o 'bono cultura' da Xunta antes de reunirse con representantes do sector.. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presenta ante os medios o 'bono cultura' da Xunta antes de reunirse con representantes do sector.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta