Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2021 | Actualizada ás 20:21
O eurodeputado galego do Partido Popular, Francisco Millán Mon, presentou unha pregunta dirixida á Comisión Europea --xunto coa eurodeputada Pilar del Castillo, membro da Comisión de Industria do Parlamento Europeo-- en relación co anuncio do peche da planta de Vestas en Viveiro, que afecta a 115 traballadores.
A pregunta lembra que Vestas, con beneficios e unha marca de encargos na súa planta de Viveiro --dedicada á fabricación de compoñentes de enerxía eólica--, "xustifica este incomprensible peche alegando motivos organizativos, non económicos".
"Ante os continuos intentos de peche de plantas industriais, e tendo en conta a Estratexia Industrial Europea e a Estratexia sobre as Enerxías Renovables Mariñas, que medidas propón a Comisión para favorecer a continuidade en chan europeo das empresas industriais, evitando o peche de plantas, asegurando as cadeas de produción próximas e garantindo o emprego?", sinala a pregunta dos populares.
Millán Mon e del Castillo sinalan que un dos alicerces dos fondos europeos de recuperación é a transición ecolóxica e que os Estados membros deben destinar como mínimo o 37% da dotación total dos seus plans a facer fronte a este reto.
"Por iso solicitamos que a Comisión se pronuncie sobre se poden concederse axudas do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia condicionadas ao mantemento da produción industrial en provincias pouco poboadas e con risco de despoboamento", apuntan.
"O obxectivo fundamental da política industrial europea debe ser protexer as nosas cadeas de subministración e potenciar a reindustrialización de sectores estratéxicos. Permitir o peche dunha planta dedicada á fabricación de compoñentes de enerxía eólica, como a de Viveiro, vai na dirección contraria", afirma Pilar del Castillo.
O eurodeputado galego Millán Mon mantivo este pasado luns un encontro en Bruxelas con traballadores da multinacional danesa. Encabezados por Alejandro Paleo, exciclista profesional e traballador de Vestas, que realiza unha viaxe en bicicleta desde Viveiro ata Aarhus (Dinamarca), onde se atopa a sede da empresa.
"É un contrasenso que, mentres a Unión Europea quere fomentar a produción de enerxía renovable en chan europeo, ...", expresa Millán Mon.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.