O BNG e a CIG critican a reforma das pensións: "non se pode castigar por vivir máis"

A formación política presentará unha serie de emendas ao Proxecto de Lei do Goberno central.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2021 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) e a Confederación Intersindical Galega (CIG) criticaron a última reforma das pensións e sinalaron que "non só non reverte os aspectos máis agresivos de reformas anteriores, senón que os consolida".

Nunha rolda de prensa conxunta ofrecida este venres tras manter unha reunión o deputado polos nacionalistas no Congreso, Néstor Rego, e o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, informaron de que, tras avaliar o que significa a reforma, presentarán unha proposta en común que se materializará vía emendas, por parte do BNG, ao Proxecto de Lei do Goberno.

"A reforma é profundamente lesiva para os intereses dos traballadores do país", asegurou Rego, que indicou que manter a idade de xubilación aos 67 anos ou o período de cómputo nos 25 anos "representa novas ameazas". Así, destacou a aparición dun novo mecanismo de equidade intergeneracional, que "substituiría" ao factor de sustentabilidade do Partido Popular e que provocaría "efectos similares".

"O propio ministro fai referencia a que os bayboomers son moi numerosos e, por tanto, só hai dúas alternativas: que traballemos máis ou que cobremos menos", comentou Rego.

Para o deputado nacionalista, tanto o PSOE como Podemos están "precarizando e tomando de novo unha vía que non é a adecuada, no canto de actuar vía aumento de ingresos". E para iso, hai mecanismos, segundo asegurou, como poderían ser a redución da xornada laboral sen redución salarial, un programa de fomento do emprego e do emprego xuvenil --"que realmente dese saída á incorporación de xente nova ao mercado laboral e, por tanto, dar máis ingresos á seguridade social"--, maiores salarios que dean máis cotizacións ou a loita contra a fraude fiscal.

"NON SE PODE CASTIGAR VIVIR MÁIS"

O secretario xeral da CIG, pola súa banda, cualificou a iniciativa de "reivindicación fundamental" para saír da crise e tachou de "repartición de miseria" unha reforma das pensións "lesiva e insuficiente", xa que non achega medidas que freen a situación e non "derroga" a reforma anterior das pensións". A este respecto, Carril lembrou que o problema non só foi a reforma do Goberno de Rajoy en 2013, senón tamén a de 2011 "pola que en Galicia se convocou unha folga xeral".

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, en rolda de prensa sobre a reforma das pensións. BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, en rolda de prensa sobre a reforma das pensións. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta