O Concello de Pontevedra prevé pagar o dobre ou triplo de factura enerxética polo prezo da luz

Buscará unha "vía de emerxencia" cun contrato indexado para o pago diario ante as dificultades para un novo acordo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2021 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

A portavoz do goberno municipal de Pontevedra, Anabel Gulías, deu conta este luns das dificultades do Concello á hora de pechar un novo contrato da subministración de luz. A previsión que manexa é que se duplicará ou triplicará a factura pola subida de prezos.

"Nós tiñamos unha previsión de preto dos 2 millóns, pero agora vemos que o que terá que pagar o Concello serán entre 4 e 6 millóns vendo como están os prezos e a súa subida", alertou Anabel Gulías.

A portavoz do Goberno local avisa de que "é diñeiro que se terá de deixar de investir en calquera actividade ou actuación a realizar por parte do Concello". "Este diñeiro irá directo a encher os petos das grandes empresas eléctricas. Sen dúbida, cremos que é intolerable", reproba. A concelleira demanda "solucións e cambios". "Máis aínda nun país como é Galicia, que temos fontes enerxéticas dabondo, encoros e montes cheos de aeroxeradores, como para pagar prezos abusivos pola subministración eléctrica", opina.

O próximo día 31 de outubro vence o contrato de subministración de enerxía eléctrica que o Concello de Pontevedra negociara no seu día con Iberdrola e no que "apostaba pola regulación das tarifas con prezos únicos bastante vantaxosos e, por outra banda, pola enerxía verde".

O goberno local tiña en marcha a licitación do novo contrato, pero tivo que cambiar os plans e paralizar este proceso ante os "prezos desbocados" no mercado eléctrico. "A volatilidade do mercado, o incremento desmesurado dos prezos fan que as estimacións que nós tiñamos de aumento queden curtas", lamentou a portavoz municipal.

SOLUCIÓN POR VÍA DE EMERXENCIA

O pasado ano 2020, o Concello de Pontevedra pagou 1.780.245 euros polo consumo eléctrico, as estimacións que manexaba para a próxima renovación do contrato actualizaban este custo á alza cunha previsión de 2,2 millóns de euros. Pero ao porse as distintas compañías subministradoras en contacto co Concello maniféstanlles que "é imposible manter as condicións de servizo" tal e como as tiñan.

"Neste momento, se sacamos un contrato coas tarifas reguladas con prezos fixos estariamos na situación de que o contrato queda deserto porque a ningunha subministradora compensaríalle unha oferta nestas condicións", dixo Anabel Gulías. "A nós isto pareceunos delirante", engadiu.

O goberno local tentou negociar unha prórroga do contrato coa actual subministradora Iberdrola, pero para a súa "sorpresa" están a xurdir "problemas serios" porque "as ofertas que se presentaban deixaban de ser válidas, pola subida do prezo da luz, no mesmo día".

Ante esas "dificultades" para sacar adiante este contrato, o goberno local opta por unha "vía de emerxencia" e, seguindo a recomendación dos técnicos municipais, tentará formalizar un contrato indexado que atendería ao pago diario do prezo da luz.

"A parte boa", segundo Anabel Gulías, é que: "Saberiamos o que estamos a pagar exactamente pola luz". Con todo, "a parte mala" é que estes contratos indexados teñen un custo de xestión a maiores.

Negociouse un prezo de xestión "verdadeiramente mínimo" e "de case o custo real do servizo da luz". Sería de 0,5 euros/MW para un consumo anual estimado de 7 GW que ten o Concello.

O executivo local quixo mostrar a súa "preocupación" polas empresas e pola veciñanza. "Se nós, que somos unha administración pública importante, temos estes problemas para negociar algo tan básico como é a subministración da luz, non queremos nin imaxinar os problemas que deben estar a ter as pequenas empresas, os pequenos e medios autónomos ou as familias".

Arquivo - Exterior da fachada do concello de Pontevedra. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Exterior da fachada do concello de Pontevedra. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta