De cando Rajoy ía aos mítines "polos pobos" sen coñecer o programa electoral do PP

Anécdotas, recordos de diálogo e chamadas á concordia: o Parlamento lembra o inicio do "soño" autonómico con Camilo Nogueira, Xerardo Estévez, Víctor Vázquez Portomeñe e Mariano Rajoy.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2021 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

Anécdotas, recordos de diálogo e de "puntos de encontro" entre forzas con posturas moi distantes, e chamadas a recuperar ese espírito "de concordia". Así celebrou o Parlamento galego o 40 aniversario das eleccións autonómicas, data na que, en palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, os galegos deixaron de vivir "soños prestados" para iniciar "un soño democrático" que dá pé a "unha Galicia libre, igualitaria e fraterna".

E é que o Pazo do Hórreo, sede do Lexislativo galego, viviu este mércores unha xornada conmemorativa das primeiras eleccións autonómicas, celebradas tal día como hoxe en 1981. Feijóo protagonizou a clausura, mentres que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, reivindicou, durante a inauguración, o "éxito" dos 40 anos de autonomía, animou a coñecer mellor a historia recente e chamou a recuperar o "espírito de concordia" que marcou aqueles primeiros pasos autonómicos.

Pero os protagonistas foron os representantes de cada un dos catro grupos parlamentarios xurdidos das primeiras eleccións autonómicas: o expresidente do Goberno Mariano Rajoy (quen formaba parte do grupo de Alianza Popular), Víctor Vázquez Portomeñe (do Grupo Centrista), Xerardo Estévez (do Grupo Socialista) e o que foi líder de Esquerda Galega, Camilo Nogueira, do Grupo Mixto.

Todos incidiron nos puntos de encontro da época, co foco, por exemplo, na normalización do galego ou o esforzo por sacar adiante o Estatuto, relataron anécdotas propias e tamén tiveron un recordo para o que foi presidente daquel primeiro Parlamento, Antonio Rosón.

O seu "matice, señor Nogueira, matice" foi lembrado polo que foi líder de Esquerda Galega, quen rememorou que "os inicios non foron fáciles" pero tamén destacou que se deu "unha corrente de encontro importante" sentando as bases de leis relevantes como a de Normalización Lingüística. Nela, subliñou, traballou "arreo", como o fixo para "dignificar a nación" e o impulso de cuestións que considera claves como o regreso dos restos de Castelao.

VIVENCIAS PERSOAIS

Rajoy lembrou con especial nitidez a súa primeira campaña electoral, cando non tiña outra experiencia política que "pegar carteis" polos concellos, que "entón estaban todos empapelados" --matizou que "por sorte hoxe non é así".

Candidato número 3 de Alianza Popular, por "ser de Pontevedra" --o 2 era de Vigo e o 4 de Vilagarcía, dixo--, revelou que se estudaba os mitins "coma se fose unha oposicion" e que ía "de pobo en pobo dicindo o que consideraba oportuno", dado que "non" se leu o programa electoral, que chegou "no último momento".

Portomeñe lembrou con nostalxia o "espírito da transición", convencido de que a el e a outros "moitos" presentes na sala gustaríalles que "estivese vivo hoxe". Rememorou a 'Comisión dos 16' para sentar as bases do Estatuto e como partidos políticos "distintos e con posturas moi distantes" antepuxeron o diálogo e os puntos de encontro.

Pola súa banda, Xerardo Estévez reivindicou como "éxito" que nesa época "o triunfo da palabra" e do "falar para concertar". Ademais, tivo palabras de recoñecemento para todos os presidentes autonómicos. De Gerardo Fernández Albor, dixo que foi o médico encargado de "construír o edificio autonómico", mentres que destacou os "pasos adiante" e as "reformas" dos Gobernos dos socialistas Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño (que presidiu un Executivo en coalición co BNG entre 2005 e 2009).

Dos Gobernos con Manuel Fraga, Mariano Rajoy e José Luís Barreiro como protagonistas proclamou que asentaron "a política institucionalizada" e a Feijóo, quen tampouco escatimou en eloxios cara a el posteriormente, atribuíulle políticas modernizadoras, que se "abriu máis aló da súa formación" e que xestionou "ben" a pandemia.

Rajoy e Fraga nun cartel electoral
Rajoy e Fraga nun cartel electoral

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta