Concellos e pirañas

Determinadas pirañas insaciábeis están devorando o erario público dos nosos concellos. Eses peixes carnívoros que nadan na actuais augas políticas, xa sexan alcaldes comellóns e deshonestos, concelleiros lambóns e indignos, empresarios insaciábeis e indecentes están despezando e engulindo nosas institucións e desintegrando a nosa alma colectiva.

Por Óscar Lomba | Vigo | 28/02/2014

Comparte esta noticia
Os anacos do dispositivo institucional non conseguen sequera recompoñerse e enfrontar a putrefacción ética, vertixinosa e progresiva, da nosa nación. Este é o escenario funesto desta orxía de canibalismo que viven as vítimas chamadas concellos galegos, e ocultar a gravidade da ferocidade corruptora só axuda a perpetuar esta continxencia que padecemos.
 
Corrupción non é só a transgresión do compromiso de servizo público exercida por políticos ou administradores, non son só as contratacións arbitrarias, a prevaricación, o suborno, o nepotismo, o enchufismo, as adxudicacións irregulares, o tráfico de influencias,... A corrupción executada por determinados cargos públicos descende doutra corrupción moito máis estendida que, en numerosas ocasións, antecede á corrupción explícita e reflectida nos devanditos políticos corruptos. Antes de mutilar a facenda pública, a podremia corruptora perverte os valores intrínsecos de cada suxeito, relativiza os costumes e a cultura da probidade, da honestidade, abolindo, pois, os cimentos, os limiares de enteireza que amparan á sociedade ennobrecida e orgullosa da súa propia dignidade. Tal infamia ética comeza por lixeiras licenzas, liviás perturbacións da integrade colectiva. Vaise estendendo e normalizando mentres consome e envilece ás persoas e ao conxunto da sociedade. A condescendencia coas leves irregularidades da vida cotiá son as que conducen ás grandes corrupcións na vida pública.
 
Porén non só debemos poñer o foco na faciana dos corruptos pois os corruptores, quen obsequian con agasallos indebidos, quen ofrecen prerrogativas ilexítimas xa exhiben unha total falta de escrúpulos e demostran non ter principios morais nin decencia ningunha. Esa putrefacción da moral colectiva comprende tamén a descomposición dos usos e prácticas habituais, a cobiza sen límites, a indolencia, a desgana e o deixamento administrativo, a deslealdade, a imprevisión e abandono dos quefaceres ordinarios, o estoicismo indulxente do xefe coas pequenas actuacións descarriladas ou desviadas dos seus subordinados e viceversa.
A corrupción esténdese como un cancro en estado de metástase por todas as células do corpo social. Hai corrupción na política, na economía, na xustiza, nas administracións públicas, na educación, na sanidade, nas actividades empresariais... empezoñando toda a sociedade.
 
Hai que pescar todas esas pirañas insaciábeis e evitar que volvan nadar nas augas municipais, mais tamén ter coidado co resto dos peixes non vai ser que tamén queiran participar no festín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.