Outes navega un ano máis os 'Mares da Fin do Mundo' a través do cinema documental

A Mostra Internacional de Cinema Documental organizada polo Concello de Outes pon o foco no medio ambiente mariño e na pesca sostible.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2021 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O cinema documental regresa ao concello de Outes. Desde o 29 de outrubro e ata o 1 de novembro terá lugar a cuarta edición de Mares da Fin do Mundo, un proxecto local, asentado no rural, pero con proxección internacional. A mostra explorará as temáticas relacionadas co medio ambiente mariño e a pesca sostible. Farao a través dun total de 21 filmes estatais e internacionais nas súas diferentes seccións. 

Presentación da cuarta edición da mostra 'Mares da Fin do Mundo'
Presentación da cuarta edición da mostra 'Mares da Fin do Mundo' | Fonte: remitida

Estas proxeccións, que terán lugar durante as tardes no auditorio da Casa da Cultura (A Serra de Outes), estarán complementadas polas actividades paralelas de mañá no Centro Náutico do Freixo, ao longo das catro xornadas. Para poder asistir ás distintas sesións, será necesario reservar a través do sitio web da mostra, a partir do vindeiro luns.

COMPETICIÓN OFICIAL

Por primeira vez, Mares da fin do Mundo contará cunha Competición Oficial na que participarán quince obras documentais de menos de 60 minutos, chegadas dos confíns do mundo e que optarán ao Premio do Público - o trofeo “O Sancosmeiro”- e unha dotación económica de 500€. Entre elas están “Boa proa, Mariñeiros!”, de Lara Capeáns e Domingo Docampo (Galicia, 2021); “Doole Doole”, de Jean-Claude Thierry (Francia, 2019); “A Fish Tale”, de Emmanuelle Mayer (Israel, 2019); “Fisheries on the Brink”, da Environmental Justice Foundation (Reino Unido/Ghana, 2020); ou “Lessons from Jeju”, de Nicole Gormley (Corea do Sur/Estados Unidos, 2020).

En suma, tratarase de quince filmes, de nove nacionalidades distintas, centrados na pesca sostible e a protección do medio ambiente mariño, cun especial interese nos aspectos culturais, sociais e políticos que rodean as comunidades pesqueiras tradicionais, así como o impacto da pandemia nos océanos, indican a organización nun comunicado.

PROXECCIÓNS ESPECIAIS 

Mares da Fin do Mundo tamén estrea dúas novas seccións: Proa, na que cada ano programará filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade; e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos. O programa cinematográfico complétase con proxeccións especiais, como os filmes de inauguración e clausura, tanto internacionais como galegos.

 

Nesta edición, o foco da sección Proa estará na obra da realizadora francesa Mathilde Jounot, convidada especial da Mostra. A realizadora, escritora e activista, na súa primeira visita a Galicia, presentará a súa triloxía “Océans, la veux des invisibles”, coa que pretende chamar a atención da cidadanía sobre a necesidade dunha xestión sostible e responsable dos océanos.

 

O outro documental en primicia será o que inaugurará a IV edición, “Iorram (Boat song)” (Reino Unido, 2021), do director neozelandés radicado en Escocia Alaistar Cole. Trátase do primeiro filme do xénero rodado integramente en gaélico escocés, centrado na comunidade pesqueira das illas Hébridas Exteriores. Finalmente, na gala de clausura do luns día 1 de novembro, en colaboración con Agalcari, presentarase “Fasquiando o Futuro”, unha obra documental sobre a importancia da carpintaría de ribeira en Galicia; e unha curtametraxe desenvolvida polos participantes do “Obradoiro de Cinema na Ría de Muros e Noia” promovido polo GALP Costa Sostible.

 

MÁIS ACTIVIDADES

 

Coma en edicións anteriores, a programación complementase con varias actividades desenvolvidas no Centro Náutico do Freixo. Estas comezarán o venres coa gravación e emisión dixital en directo do programa “Mar de Ardora” da Radio Galega. Nas xornadas posteriores, a mostra contará cunha nova mesa redonda con profesionais do sector, titulada “O futuro da pesca artesanal”, así como unha degustación gastronómica a cargo da Confraría de Noia. Nas mañás do domingo e luns, os asistentes poderán descubrir o territorio a través das saídas pola ría no veleiro Joaquín Vieta, á que acompañarán visitas a bordo das embarcacións no porto e a exposición “Que embarcación é?”. O grupo compostelán The Sar Swing Quintet poñerá o broche a estas actividades de mañá cunha actuación musical o luns día 1.

 

Nesta edición, a fotografía tamén regresa da man do artista multidisciplinario Xacobe Meléndrez Fassbender cos proxectos “Berros no roncar das ondas” (Casa da Cultura) e “Curar feridas” (Náutico do Freixo). Ambas exposicións fotográficas poderán visitarse ata o 28 de novembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta