Denuncian o aumento das plantacións "ilegais" de eucalipto pola "falta de control" da Xunta

Adega rexistra máis de 200 plantacións ilegais tras o anuncio dunha moratoria por parte da Xunta, que se marca como obxectivo reducir nun 5% a especie invasora de cara a 2040.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2021 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Este martes 26 de outubro entra en vigor o novo Plan Forestal de Galicia 2021-2040, co que a Xunta pretende reducir un 5% das plantacións de eucalipto cun prazo de case 20 anos. A plataforma ecoloxista ADEGA vén de cargar contra o “ridículo” obxectivo proposto pola administración autonómica á vez que denuncia un efecto chamada na moratoria ao eucalipto anunciada polo goberno de Núñez Feijóo.

Eucaliptos
Eucaliptos | Fonte: Xunta de Galicia.

“Tanto a moratoria como o novo Plan Forestal semellan estar provocando o efecto contrario”, destacan dende a plataforma, que nos últimos meses vén recollendo información de presuntas plantacións ilegais de eucalipto, unidas á corta de bosque autóctono e á ocupación de terras de cultivo irregulares efectuadas con esta especie invasora. 

Así logo, dunha intensa campaña que tamén se fixo circular en redes sociais e medios de comunicación, a plataforma chega á conclusión de que o eucalipto “a todas vistas están a proliferar no noso territorio, de forma especialmente alarmante tras o anuncio a finais do pasado mes de marzo da moratoria”. No último semestre, ADEGA contou máis de 230 avisos sobre infraccións cometidas no eido forestal, dos que máis de 200 son denunciables e teñen que ver coa plantación indiscriminada ou irregular de especies do xénero Eucalyptus no noso territorio.

CASE 200 CAMPOS DE FÚTBOL

En total, a plataforma subliña que xa leva presentadas ante a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galiza e demais organismos competentes “máis de 100 denuncias” que abranguen plantacións, cortas e cambios de cultivo en parcelas que “infrinxiron a normativa forestal, e nalgúns casos, tamén a normativa medioambiental, a de augas ou a de patrimonio”.

En conxunto, a maior parte destas denuncias garda relación coa “transformación irregular de máis de 80 hectáreas (ha) de terreo de bosque ou de cultivo en eucaliptal, o que equivale a máis de 197 campos de fútbol de superficie ocupados ilegalmente por esta especie foránea e invasora tras o anuncio da moratoria da Xunta”. “Este feito vén a constatar a falta de control e vixilancia que houbo por parte da Xunta no monte galego tras o anuncio da moratoria do eucalipto, e como esta contribuíu a promover a infracción das normas en materia forestal, á aumentar as agresións ao medio ambiente e á superficie destinada á agricultura e gandería, as cales teñen cada día un acceso máis difícil á terra”, destacan dende a asociación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta