A Comisión Galega da Competencia considera "excesivas" as compensacións á concesionaria da AP-9, Audasa

Di que se poden considerar "axudas do Estado" e critica as sucesivas prórrogas dos prazos da concesión.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/10/2021 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

Un informe da Comisión Galega da Competencia advirte de que as compensacións á concesionaria da AP-9 (Audasa) polas obras de ampliación da autoestrada no acceso a Vigo e Santiago de Compostela (Real Decreto 1733/2011, do 18 de novembro, asinado polo entón ministro socialista José Blanco) son "excesivas" e poden considerarse "axudas de Estado".

Obras de ampliación da AP-9 na ponte de Rande, cunha proba de carga
Obras de ampliación da AP-9 na ponte de Rande, cunha proba de carga | Fonte: Europa Press.

Ademais, este órgano sinala que "as sucesivas prórrogas dos prazos da concesión da autoestrada AP-9 en Galicia non poden ser ben valoradas desde o punto da competencia".

Nese mesmo informe, o órgano de vixilancia sinala, tamén, a "duración excesivamente larga da concesión, que implicou unha alteración dos factores económicos, sociais, da mobilidade e tecnolóxicos que se tiveron en conta no momento do seu outorgamento". Isto supuxo, engade, "modificacións continuas" nas normas que a regulan e que leva a que "existen diferenzas substanciais entre a que saíu a concurso no ano 1973".

O documento desvelouno a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o cal foi remitido, xunto con outro informe anterior do Consello Consultivo de Galicia, nunha carta ao secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Sergio Vázquez Torrón. Na misiva, a conselleira do ramo, Ethel Vázquez, tamén reclama a urxencia de que se convoque unha reunión da Comisión da AP-9 para abordar estes asuntos, xunto coa declaración de ilegal das prórrogas da concesión.

"Cada vez é maior a enxeñaría creativa dos Estados para tratar de evitar a obriga de ter que comunicar unha axuda como axuda estatal", advirte entre os 14 puntos das conclusións do informe, que sinala que "cos datos facilitados, poderíase considera como excesiva" a aprobación das compensacións e España tería que comunicalas á Comisión Europea.

A conselleira de Infraestruturas avisa de que os "sucesivos incrementos" das tarifas, xunto cos que están previstos para o futuro e que pagarán os cidadáns de forma directa ou indirecta, "están a xerar unha perda de competitividade moi considerable". "Aínda coas bonificacións implantadas e, sobre todo, pola insuficiencia das mesmas para os vehículos pesados, as tarifas da AP-9 encarecen o custo da mobilidade para os cidadáns e transportistas galegos, á vez que causan o desvío ás estradas convencionais de tráfico que podería circular pola AP-9, coa consecuente redución da seguridade viaria", apunta.

Na misiva, Ethel Vázquez avisa de que esta cuestión "segue sendo motivo de enorme preocupación" no Goberno galego, xa que se trata da principal vía de comunicación, que vertebra o territorio no que vive o 60 por cento da poboación galega.

CONCLUSIÓNS DO INFORME

No seu informe, a Comisión Galega da Competencia lembra que a contratación pública "debe axustarse aos principios de liberdade de acceso" ás licitacións, publicidade e transparencia dos procedementos, de non discriminación e igualdade de trato entre os licitadores.

A explotación dunha estrada de peaxe --en calquera das súas modalidades-- e, por tanto, as concesións de autoestradas con contratos de concesión de obra pública destinados á construción e explotación "constitúen unha actividade económica". Así, ao constituír unha actividade económica, as medidas que beneficien ás empresas explotadoras desas infraestruturas "poderá ser considerada como xenuínas axudas de Estado".

A continuación, apunta que as axudas a esas empresas concesionarias son unha das manifestacións de intervención pública na actividade económica e, por tanto, "un factor externo nas propias forzas do mercado que pode comportar problemas desde o punto de vista da competencia polo seu potencial efecto distorsionador".

"As sucesivas prórrogas dos prazos da concesión da autopsia AP-9 en Galicia non poden ser ben valoradas desde o punto da competencia", apunta. Neste sentido, engade que a concesión, unha vez adxudicada, "implica un monopolio legal en favor do concesionario e o peche do mercado ao resto de operadores ata o momento en que volva saír a licitación, polo que as sucesivas prórrogas impiden a concorrencia deses operadores, desaparece o mercado e a competencia en prexuízo da propia Administración e dos consumidores que non poderán verse beneficiarios das vantaxes dun mercado en competencia, con mellores servizos e mellores prezos consecuencia do traslado de eficiencias aos usuarios finais".

A Comisión da Competencia tamén advirte que hai varios plans económicos financeiros na concesión da AP-9, polo que "expón o problema de determinar en que medida están vixentes algunhas das cláusulas contidas" no primeiro. Entre os ofrecementos complementarios, atópanse algúns de "especial relevancia como o da renuncia total pola concesionaria á revisión das tarifas durante os dez últimos anos do período concesional".

O pleno da Comisión "estima que continúan vixentes eses ofrecementos complementarios e, por tanto, deben de ser aplicados ao concesionario".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Esta rinbombante Comisión Galega da Competencia é un deses chiringuitos que o único que fan é consumir papel e cartos públicos / Se miramos quen forma o Pleno da Comisión todo está claro: D. Ignacio López-Chaves Castro, Presidente // D. Daniel Neira Barral, Secretario. // O verdadeiramente preocupante é a ausencia total de sinaturas para reclamar o fin da peaxe da AP9 (ante Bruxelas) https://en-colectivo.com/firmas-fin... Se non o vexo non o creo !!!