Roi Cuba: "Reducir nun 5% a masa de eucaliptos é totalmente insuficiente e non cremos que se vaia cumprir"

Asociacións ecoloxistas veñen de calificar de "ridículo" o obxectivo do PP de reducir nun 5% as masas de eucalipto en 20 anos. Nos últimos meses ADEGA ten rexistrado un aumento das plantacións ilegais de eucalipto ante o anuncio de moratoria da Xunta. Paralelamente, esta semana a Fundación Arume anunciou "Pino de Galicia": a marca que quere competir co monocultivo do eucalipto.

Por Alicia Casas | Compostela | 03/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O novo Plan Forestal de Galicia busca reducir as plantacións de eucaliptos nun 5% de cara a 2040. O 5% dunha superficie que non se coñece en realidade cal é pero que en calquera caso supera as 450.000 hectáreas, segundo o xa desactualizado inventario do 2018.

Plantación de eucaliptos que dana un castro en Alfoz. ADEGA
Plantación de eucaliptos que dana un castro en Alfoz. ADEGA

O novo plan que entra agora en vigor substitúe a aquel que prevía, no 1992, que en 2030 habería unhas 245.000 hectáreas de eucalipto no territorio galego. E o plan apróbase logo dun anuncio de moratoria a finais de marzo e non dunha moratoria inmediata. Nunha situación na que a árbore alóctona medra, sen autorización administrativa, en terreos agrícolas e espazos protexidos. Tamén nas proximidades das casas malia o risco fronte a lumes de sexta xeración.

Entre os argumentos esgrimidos na defensa desta plantación está o de ser unha fonte de ingresos para a poboación rural ou as case 2.000 empresas que traballan con eucalipto e xeran máis de 5.500 postos de traballo. Na outra cara da moeda están as repercusións sobre o ciclo hidrolóxico, ao ser unha especie cunha demanda hídrica elevada, e as repercusións enormes sobre a biodiversidade. As afeccións a fungos, invertebrados terrestres e acuáticos, anfibios, aves e mamíferos.

A asociación ecoloxista ADEGA vén de dununciar o aumento de plantacións ilegais de eucalipto e responsabiliza ao Goberno autonómico de "falta de control".

Falamos co presidente da asociación, Roi Cuba Dorado.

- No último semestre denunciáchedes máis de 200 avisos de infraccións no eido forestal e a maioría relacionadas con plantacións irregulares de especies como o eucalipto.

O aumeto de plantacións ilegais de eucalipto tivo que ver co anuncio da moratoria que fixo a Xunta de Galicia, que dixo que non ían permitir plantacións en novos terreos e o que fixeron foi provocar un efecto chamada.

Fixeron que persoas que aínda non tiñan como alternativa a plantación de eucaliptos, se animaran a facelo, causando máis dano co anuncio de moratoria que se non o fixeran. 

- Por que está a haber tantas? Non se están notificando as infraccións?

Nós non podemos facer esa valoración. Loxicamente haberá funcionarios que estarán a facer ben o seu traballo pero supoño que haberá unhas directrices superiores que lles impidan.

Botamos moito en falta o papel da Administración nas plantacións ilegais. Levamos tempo cunha campaña de defensa do bosque autóctono para animar á xente a que nos avise se dan conta de plantacións e cortas ilegais e a xente está colaborando. Pero nós nos somos unha Administración. Non depende das entidades ecoloxistas ter que estar enriba de quen fai plantacións ilegais, depende da Administración, que ten que poñer os medios para ordenar o territorio. Non podemos estar totalmente abadonados.

- O Novo Plan Forestal ten entre os obxectivos reducir nun 5% a masa de eucaliptos no 2040. Como valorades esta cifra?

O novo plan forestal fai esa planificación pero, de todas maneiras, nós somos bastante escépticos con que se vaia cumprir. Sobre todo porque co anterior plan forestal do 1992, prevían que ía haber no 2032 unhas 245.000 hectáreas de eucalipto. É dicir, dentro de dez anos, e estamos agora practicamente en 600.000.

Que o poña no Plan Forestal non significa que se vaia a cumprir. Evidentemente unha redución sería positiva, pero nós non nos fiamos.

- De cumprirse, é unha boa redución a do 5%?

É unha redución totalmente insuficiente.

Ademais, para eucalipto nitens nos próximos anos permiten un aumento de superficie do 3%. Nitens é a especie que medra nos terreos máis altos, onde o outro non soporta as xeadas. Con ese 3%, que parece unha porcentaxe pequena, poñense en risco zonas de interior con valor ambiental ou zonas de outros tipos de cultivos que agora están comprometidas. 

Outra cuestión é que esa redución do 5%, en base a que dato? Non está actualizado, queda por saber cal é a situación na que estamos actualmente.

- A superficie forestal galega é practicamente privada e teñen un papel relevante as comunidades de montes. Percibides maior sensibilización en relación á conservación da natureza?

Non podo falar en termos xerais pero nalgúns casos concretos si se están poñendo en contacto con asociacións ecoloxistas coma nós e están buscando alternativas. Temos un convenio de custodia do territorio coa comunidade de montes de Rebordelo, en Cotobade, e estanse facendo actividades de deseucaliptización. E tamén na zona de Pontevedra hai xa varias comunidades de montes que tiñan unha superficie de eucaliptos bastante ampla, algunhas máis desorganizadas, e estanse apuntando a esta redución do eucalipto.

De todas maneiras, todo depende do órgano xestor de cada comunidade e da sensibilidade que teñan.

- Esta semana a Fundación Arume anunciou a marca "Pino de Galicia" e detallou a oportunidade de mercado que ofrecen as coníferas ante a crecente demanda da UE. Semellaría que pode acabar no futuro como o monocultivo do eucalipto?

É verdade que en zonas nas que non se plantou ata agora eucalipto, como por exemplo a provincia de Ourense, pois teñen agora o seu propio eucalipto, que son as plantacións descontroladas de piñeiro. Tamén é unha especie pirofórica e de feito non é unha árbore autóctona.

Se ben é certo que non vén do outro extremo do planeta, como o eucalipto australiano, non entra no noso bosque autóctono. Ten se cadra menos problemática a efectos ecolóxicos, porque permite que se establezan comunidades de plantas e de fauna onde están as plantacións, pero onde é moi intensivo tamén ten problemas.

Despois están estas etiquetas verdes que lle están poñendo á madeira, que entendo que é un pouco por onde vai o da Fundación Arume, como se fai co eucalipto. O da etiqueta de plantación sostible, o de pór denominacións verdes a algo que para os nosos ecosistemas é catastrófico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Moine

Viva a desertificaçom do País! Viva os votantes do PP! Viva a miséria e a emigraçom! Gracinhas, Frijol, sem ti a oligarquia madrilenha nom saberia que o fazer para espoliar Galiza.

1 ccZV

Sobre todo cando o 50% dos eucaliptos van para Portugal.