O Parlamento galego cumpre 40 anos

Estanse conmemorando os 40 anos da celebración das primeiras eleccións ao Parlamento galego. Se houbera que destacar algunhas circunstancias do resultado rexistrado naquel 20 de Outubro de 1981poderianse citar tres: a porcentaxe de abstencionistas (53,7%) foi superior á de votantes; AP ficou como primeira forza, por riba da UCD (a pesar de que este partido gobernaba no conxunto do Estado) e as formacións nacionalistas (Bloque-PSG e EG) obtiveron 4 escanos sobre os 71 que , naquel momento, conformaban a Cámara lexislativa.

Por Xesús Veiga | Compostela | 01/11/2021

Comparte esta noticia
 
Mais alá de que o deficiente estado administrativo no que se atopaba o censo electoral fose unha das causas explicativas da cativa participación rexistrada, o sorprendente triunfo de AP foi considerado, posteriormente, como un fenómeno demostrativo de que, nalgunhas ocasións, o comportamento electoral dalgúns sectores da sociedade galega anticipou fenómenos que aparecerían mais tarde na política estatal. O espectacular derrubo da UCD neses comicios de 1981 tivo a súa continuidade na desfeita ocorrida un ano despois, cando Felipe González chegou á Moncloa e Fraga ocupou o posto de líder da oposición. Moi posteriormente, na segunda década deste século, a aparición de AGE nas eleccións galegas de 2012 foi vista como un preludio dos éxitos electorais de Podemos nos anos 2015 e 2016.
 
A cativa presenza acadada polo nacionalismo galego certificou unha debilidade que xa se amosara nas eleccións xerais de 1977 e 1979, cando non fora quen de obter representación no Congreso e no  Senado. O pouco peso das formacións nacionalistas nas institucións representativas que comezaban a funcionar reduciu a súa capacidade de incidencia en cuestións tan relevantes como a elaboración do Estatuto de Autonomía e o funcionamento do propio autogoberno. A expulsión dos tres deputados do Bloque-PSG por mor dunha dogmática e intolerante interpretación da norma que esixía o acatamento dos textos constitucional e estatutario minorou, aínda mais, a posibilidade de influenza desta corrente política.
 
O nacionalismo galego tivo que agardar a 1993 (13 escanos na Cámara do Hórreo) e 1996 (2 deputados no Congreso) para ter unha presenza cualitativamente significativa aínda que nitidamente inferior á que se viña constatando no Pais Vasco e Cataluña. O éxito de Coalición Galega nos comicios autonómicos de 1985 (11 parlamentarios) non tivo a continuidade agardada e definiu unha das singularidades mais destacadas do mapa político galego: a carencia dunha forza galeguista homologábel -con todas as distancias derivadas do distinto contexto histórico- ao que eran o PNV e CiU nos seus respectivos ámbitos de referencia.
 
A febleza electoral do nacionalismo galego nos primeiros anos da andaina do autogoberno tivo que ver, sen dúbida, co estado de opinión existente entre amplos sectores sociais pouco favorábeis a outorgar a confianza que lle demandaban dende as organizacións que acudían ás urnas. Mais tamén cabe falar da existencia de erros e carencias que cortocircuitaban as posibilidades de apoio: excesiva confrontación cainita entre as distintas formacións, confusión entre os desexos de cambio e a conciencia sobre as limitacións que impuña a realidade existente, indebido refuxio sectario nas propias conviccións para enfrontar a minorización que se constataba nas sucesivas consultas electorais...

Mesa do Parlamento de Galicia con Antonio Rosón na Presidencia. MANUEL BRANCO
Mesa do Parlamento de Galicia con Antonio Rosón na Presidencia. MANUEL BRANCO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.