Temas: PESCA

A Xunta ultima un informe para defender melloras nas cotas de pesca de 2022 en augas compartidas con Reino Unido

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/11/2021 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

A Xunta ultima un informe --coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e o sector-- con datos socioeconómicos para trasladar ás institucións europeas e que sexan tidos en conta nas consultas entre a UE e o Reino Unido de cara á repartición de cotas de 2022.

Barco de Pesca
Barco de Pesca | Fonte: ABANCA.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou por videoconferencia este luns no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios no que se debateron as propostas de España de face ao Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea da próxima semana.

Un dos temas abordados foi a fixación das posibilidades de pesca de 2022 en augas compartidas co Reino Unido, para o que Galicia está a traballar no recompilatorio de argumentos socioeconómicos coa intención de mellorar as propostas feitas.

Galicia defende que se conte cos aspectos económicos e sociais, máis aló dos ambientais, "cuestións que obvian tanto o acordo deste ano como as propostas que se están facendo para o ano que vén, pois dan resposta unicamente a recomendacións biolóxicas, cando ás veces os modelos utilizados non se axustan con exactitude á situación real dos caladoiros", critica o Goberno galego.

Unha das especies que abordará o informe de Galicia e que é fundamental para a frota galega é a pescada do norte, a primeira en facturación e a cuarta en descargas nas lonxas do país.

Para este recurso, o punto de partida das negociacións é unha proposta de redución do 27%, o que Galicia considera negativo e aposta por suavizala, xa que nos anos anteriores a cota desta especie xa sufriu importantes descensos.

O informe tamén analizará algunhas das especies secundarias para a frota galega, sobre as que os científicos propoñen medidas de precaución ante a falta de datos relacionados co estado das poboacións.

Temas: PESCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta