A Xunta pide fondos ao Goberno para poder seguir explotando As Pontes e Meirama

Optan a 100 millóns de euros en axudas que poderían ir dirixidos a novos proxectos de xeración eléctrica, contra os que xa se posicionaron os veciños de Meirama.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2021 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, anunciou que a Xunta asinou os protocolos para que 19 concellos, 14 nas Pontes e cinco en Meirama, poidan optar aos 100 millóns de euros que o Ministerio de Transición Ecolóxica repartirá para a transición xusta, co obxectivo de "reverter a situación lastrada" polo peche da central térmica. É dicir, un investimento que podería ir dirixido a novos proxectos de xeración eléctrica, contra os que xa se posicionaron os veciños de Meirama. 

Fíxoo durante unha reunión mantida na Delegación Territorial da Xunta na Coruña, na que informou deste acordo ao alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; ao rexedor de Carral, Javier Gestal; ao seu homólogo da Laracha, José Manuel López Varela; ao de Tordoia, Antonio Pereiro, e ao de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo.

Segundo explicou o conselleiro, trátanse de 100 millóns de euros en axudas impulsados polo Ministerio de Transición Ecolóxica a repartir entre distintos concellos de España. Desta cantidade, 91 millóns de euros serán para impulsar infraestruturas sociais, dixitais e ambientais, mentres que nove millóns destinaranse á asistencia técnica necesaria para a definición das iniciativas.

Francisco Conde afirmou que por parte da Xunta "esperan participar" nos comités que avalíen os proxectos para ter un "coñecemento directo" dos mesmos. A Administración colaborará cos concellos e co Ministerio para que as axudas teñan "o maior impacto" en Galicia. Haberá seis meses para presentar os proxectos.

Así mesmo, o conselleiro aclarou, a preguntas dos xornalistas, que estes fondos son "distintos e complementarios" aos que 868 millóns de euros que recibirá España para a transición xusta, provenientes dos fondos Next Generation e dos que a provincia da Coruña recibirá 111 millóns, que servirán para impulsar proxectos que se desenvolvan na zona.

Central Térmica de Meirama, coa aldea da Lousa ao pé
Central Térmica de Meirama, coa aldea da Lousa ao pé | Fonte: remitida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta