A anulación do segundo estado de alarma deixa no aire as multas covid, incluídas as de máscaras

Os municipios adheridos ao convenio coa Xunta impuxeron pouco máis de 100 multas por non levar máscara desde a flexibilización do seu uso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2021 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

A declaración como inconstitucional dos estados de alarma que serviron de encaixe ás medidas excepcionais para o control da pandemia deixou no aire miles de expedientes abertos a cidadáns por incumprimentos das normativas sanitarias, como o uso da máscara na vía pública ou os peches perimetrais para limitar a mobilidade da poboación.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) continúa publicando diariamente notificacións de procedementos por infraccións asociadas ao covid, a gran maioría delas por saltarse as limitacións de mobilidade entre concellos e agrupamentos de municipios. Trátase de notificacións por falta de identificación dos infractores, que se expoñen, por regra xeral, a multas de 300 euros.

No caso das máscaras, tras a flexibilización do seu uso o pasado mes de xuño, o número de denuncias disminuíu de forma exponencial. Así se desprende das cifras de infraccións xestionadas pola Administración autonómica ao amparo do convenio asinado hai un ano coa Federación Galega de Municipios e Provincias, ao que están adheridos 184 municipios, entre os que non hai ningunha das sete grandes cidades.

Segundo os datos facilitados pola Xunta a Europa Press, o total de multas tramitadas desde comezos de xuño deste ano ata finais de outubro foi de 137. O número representa menos do 2% das 7.180 denuncias rexistradas entre comezos de xuño de 2020 e o mesmo mes de 2021, cando a Xunta, ante a mellora da situación epidemiolóxica e o avance do proceso de vacinación, decidiu flexibilizar o seu uso.

En todo caso, ante a incerteza aberta tras a decisión do Tribunal Constitucional de declarar nulos os decretos polos que o Goberno declarou o estado de alarma nos que se encaixaron as medidas extraordinarias, xuristas consultados interpretan que aquelas impostas dentro do primeiro estado de alarma quedarían fóra da posibilidade de ser impugandas, pero existen aínda dúbidas sobre as infraccións cometidas durante o segundo, que abarcou desde outubro de 2020 a maio deste ano.

Así o estima o avogado santiagués José Manuel Piñeiro, que considera que, analizando os termos do fallo do Constitucional que anulou en xullo parte do decreto do primeiro estado de alarma, as multas por non usar máscara durante eses meses non son recurribles por tratarse dun asunto que ten encaixe legal nunha orde promulgada pola Xunta que non ten rango de lei.

Con todo, cre que aínda non está claro se van na mesma liña os termos da sentenza emitida esta semana polo tribunal que anulan o segundo estado de alarma. E é que un dos argumentos dos maxistrados que votaron a favor da nulidade é que a prórroga do estado de alarma supeditou nos presidentes autonómicos a aplicación das medidas restritivas, un sistema de delegación que o tribunal considera contrario á Constitución.

Por este motivo, o letrado estima que este argumento inclúe un matiz que non existía no fallo do mes de xullo, o que podería derivar en que sexan os xulgados quen acaben tendo que decidir se as multas por non levar máscara son susceptibles de ser anuladas.

SENTENZA QUE RATIFICA A SANCIÓN

Nesta liña existen xa pronunciamentos de xulgados galegos. A pasada semana, o Xulgado Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra o pasado xoves 4 novembro, confirmou unha multa de 100 euros imposta o 24 de agosto de 2020 a unha muller que foi identificada pola Policía Local do Grove sen facer uso da máscara na illa da Toxa.

Entre os argumentos do recurso, desestimado por esta resolución en firme, incluíuse a anulación do primeiro estado de alarma, decisión tomada polo Tribunal Constitucional o pasado mes de xullo contra o marco xurídico excepcional que imperou en España entre mediados de marzo e xuño de 2020 para facer fronte á primeira onda da pandemia de covid-19.

No entanto, o maxistrado descarta todas as liñas argumentais da muller que recorreu a súa multa por non levar máscara. Tamén a do estado de alarma, á que o xuíz se refire, despois de lembrar que a infracción se produciu no intervalo temporal no que non imperaba este marco extraordinario, facendo fincapé en que a obrigación de portar máscara é unha medida sanitaria que "non resulta afectada pola recente declaración de nulidade".

"Trátase dunha medida de carácter sanitario que non se corresponde con ningunha das concretas suspensións de dereitos fundamentais impostas nos estados de alarma", sinala o maxistrado na súa sentenza, difundida aos medios de comunicación a comezos de novembro.

Dúas mulleres levan máscara na praia das Salseiras, a 3 de abril de 2021, no concello da Laracha, A Coruña / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press
Dúas mulleres levan máscara na praia das Salseiras, a 3 de abril de 2021, no concello da Laracha, A Coruña / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta