Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/11/2021 | Actualizada ás 21:43
A Organización Galega de Comunidades de Montes, xunto coas organizacións que compoñen a Plataforma Por un monte galego con futuro, convocan unha concentración o mércores 24 ás 11:30h diante do Parlamento galego para rexeitar o que consideran "un novo intento do Partido Popular de espoliar os montes comunais".
Na lei de acompañamento, que se debaterá no Parlamento galego o día 24, a Xunta de Galicia busca aprobar dúas modificacións da Lei de montes veciñais. Segundo denuncian, dúas modificacións que supoñen "unha agresión importante aos dereitos da veciñanza comuneira e á protección dos montes veciñais".
As entidades convocantes alertan que, de aprobarse estas modificacións, aqueles montes veciñais onde non exista veciñaza ou sexan declarados en estado de grave abandono, pasarán a ser de titularidade dos concellos e a súa xestión e explotación a mans de empresas madeireiras. A Consellería do Medio Rural, censuran, arrógase o poder de decretar o estado de abandono por "meros retrasos ou deficiencias en cuestións administrativas".
Denuncian, ademais, que o monte comunal sería entregado por 50 anos e a veciñanza comuneira non poderá recuperar a xestión do seu monte veciñal até pasado ese tempo, o que fai "inviable" unha continuidade ou recuperación da xestión comunal do monte.
A ORGACCMM e a Plataforma Por un monte galego con futuro fan un chamamento ás entidades e organizacións que viven, traballan ou xestionan o medio rural para que rexeiten as modificacións da lei de montes veciñais "que pretende introducir o Partido Popular e que teñen como obxetivo a eliminación dos montes veciñais en man común, que son unha seña de identidade do noso país".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.