O PSdeG propón crear unha rede de bosques autóctonos para "mellorar" a paisaxe galega

Os socialistas reclaman no Parlamento unha folla de ruta dotada cun mínimo de 30 millóns de euros: "Cada cidadán de Galicia debería ter dereito a dar un paseo por un bosque autóctono sen necesidade de coller un coche e saír do seu concello".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2021 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

O PSdeG rexistrou no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para instar á Xunta a elaborar unha estratexia de conservación, mellora e defensa do bosque autóctono galego dotada cun mínimo de 30 millóns de euros anuais. Entre outras medidas, a iniciativa dos socialistas propón a creación unha rede de bosques públicos, en colaboración coas administracións locais, que garanta que cada concello galego conte co seu nun horizonte temporal de cinco anos.

No caso de que xa exista, a proposta incide na súa conservación e progresiva mellora a través da adquisición de terreos e a plantación de máis exemplares. Tal e como explica o viceportavoz parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena, esta iniciativa tería "grandes beneficios" desde o punto de vista ambiental, social e cultural "a un custo mínimo". E é que, segundo argumenta, contribuiría a frear "o grave declive e deterioración deste tipo de ecosistemas en Galicia".

O deputado socialista destaca que contribuirá a "conservar o bosque autóctono", "mellorar" a paisaxe galega, "crear espazos de esparexemento e goce da natureza" e "producir un gran beneficio ambiental e social con escaso investimento". "Plantar árbores ou conservar as xa existentes", argumenta Arangüena, "é moitísimo máis barato que crear infraestruturas a base de cemento".

Segundo as súas palabras, isto facilitaría o acceso a un dereito constitucional como é o acceso ao medio ambiente: "Cada cidadán de Galicia debería ter dereito a dar un paseo por un bosque autóctono sen necesidade de coller un coche e saír do seu concello".

CAMBIO DE POLÍTICA FORESTAL

Esta iniciativa redunda no "cambio de política forestal" que o PSdeG leva "moito tempo pedindo" á Xunta de Alberto Núñez Feijóo. Así, o viceportavoz parlamentario incide en que o valor económico do eucalipto debe "compatibilizarse inexcusablemente" co valor ambiental e social do bosque autóctono.

"Iso só se pode facer mediante unha decidida intervención pública, que hoxe non se está producindo", engade, para alertar de que parte das masas forestais autóctonas "están a desaparecer progresivamente" pola "proliferación descontrolada do eucalipto nas últimas décadas" e a "completa pasividade do Goberno galego". De feito, Arangüena asegura que a moratoria declarada recentemente á plantación desta especie "non deu resposta" a este problema.

Neste sentido, sinala que a medida permite seguir plantando eucaliptos "en montes con máis do 50 por cento da súa superficie ocupada por esta especie" e cita datos da asociación ecoloxista Adega para denunciar que, desde que se implantou a moratoria, se plantaron "ilegalmente" o equivalente a 200 campos de fútbol.

Fotografía de Denís Estévez do bosque do Banquete de Conxo. DENÍS ESTÉVEZ - Arquivo
Fotografía de Denís Estévez do bosque do Banquete de Conxo. DENÍS ESTÉVEZ - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta