Máis de 120 propostas de mellora para a lei de xestión do ciclo da auga das que se atenderán trinta

A conselleira Ethel Vázquez destacou que a Xunta é consciente de que os concellos, sobre todo os máis pequenos, non teñen a capacidade económica e técnica para dotarse das infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración necesarias e mantelas de forma idónea.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2021 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, Enrique Urcola, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, clausurou este mércores a xornada sobre 'Modelos de xestión do ciclo integral da auga'.

Este encontro, no que participaron preto de 100 persoas, contou coa exposición de distintas experiencias de xestión da auga por parte de representantes de diversas institucións e entidades, e Vázquez puxo o foco na futura lei destinada a mellorar a xestión do ciclo da auga en Galicia. En tramitación, recibiu máis de 120 achegas, das que se estimarán total ou parcialmente unha cuarta parte.

En concreto, Vázquez destacou que a Xunta é consciente de que os concellos, sobre todo os máis pequenos, non teñen a capacidade económica e técnica para dotarse das infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración necesarias e mantelas de forma idónea.

E para achegar solucións a estas carencias, explicou que o Goberno galego elabora unha lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga. Na actualidade, precisou que se ultima a contestación ás propostas formuladas no período de participación pública por 36 entidades, tendo en conta que das máis de 120 achegas recibidas estimaranse, total ou parcialmente, 34 delas.

XESTIÓN "PROFESIONALIZADA"

Vázquez salientou que o Executivo autonómico aspira a impulsar un novo modelo de xestión "profesionalizada" dos servizos da auga, voluntario para os concellos e non excluínte dos modelos xa existentes, como pode ser a xestión directa, os consorcios, ou a través de concesionarias. Un modelo, incidiu, baseado no coñecemento das redes, "que é fundamental".

Indicou que a Xunta ofrece "un modelo máis ao servizo dos municipios que así o desexen" para "mellorar a calidade, a eficacia e a eficiencia dos servizos que prestan aos cidadáns, axudándoos nas súas competencias".

Tamén reivindicou que a nova lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga ten como obxectivos "regular, ampliar e estender a axuda que a Xunta xa vén prestando aos concellos, nos que investiu máis de 1.100 millóns de euros en obras de saneamento e abastecemento".

Finalmente, lembrou que a Xunta tamén xestiona 28 depuradoras municipais, unha opción que coa nova lei ofrecerase a todos os concellos que así o soliciten de forma voluntaria. E reiterou que a iniciativa non supón novas taxas aos cidadáns, senón que "reordena as que xa existen e substitúe as que aplican os concellos nos casos de que estes cedan a xestión a Augas de Galicia". Apelou á responsabilidade ambiental, finalizando coas deficiencias no funcionamento das depuradoras, co desperdicio da auga por fugas nas redes de abastecemento ou coas verteduras ao medio.

Ethel Vázquez clausura a xornada 'Modelos de xestión do ciclo integral da auga'.. XUNTA
Ethel Vázquez clausura a xornada 'Modelos de xestión do ciclo integral da auga'.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta