O BNG presentará emendas ao proxecto de lei audiovisual para "garantir" a presenza do galego

A porcentaxe mínima do 6% só afecta as plataformas con sede social no Estado español, non por tanto a outras como Netflix, HBO ou Prime Vídeo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2021 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

O BNG formulará emendas ao proxecto da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, aprobada polo Consello de Ministros esta semana e que xa entrou no Congreso para a súa tramitación parlamentaria para "garantir" a presenza do galego.

Así o comunicou o deputado nacionalista, Néstor Rego, que considera "grave" o "incumprimento" por parte do Goberno do "compromiso de asegurar a presenza en todas as plataformas" de contidos audiovisuais en todas as linguas oficiais. E é que a obrigatoriedade de contar cunha porcentaxe mínima do 6% de produtos audiovisuais en galego, catalán ou eúscaro, só afecta as plataformas con sede social no Estado español, non por tanto a outras como Netflix, HBO ou Prime Vídeo.

Rego lembrou ademais que o Parlamento de Galicia aprobou en maio, "de forma unánime", a denominada 'Iniciativa Xabarín' que, entre outras cousas, pide "que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe e autodescricións", así como o financiamento anticipado de producións audiovisuais en canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda.

"O BNG vai formular emendas a este proxecto para que respecte o criterio de igual tratamento a galego e castelán nos contidos audiovisuais de todas as plataformas e tamén para que os medios públicos estatais reflictan na súa programación a realidade plurilingüe e culturalmente diversa do Estado", explicou Néstor Rego, que recalcou ademais que os galegos "tamén pagamos impostos, cos que se financia a CRTVE, e temos dereito a ver as producións culturais galegas nestes medios".

A formación esixirá tamén que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada para galego, sobre todo a programación infantil e xuvenil e os contidos do seu App.

O BNG, informan, tamén fará fincapé na obrigatoriedade de que as plataformas dixitais e televisións públicas e privadas con licenzas públicas de contribuír ao financiamento anticipado de producións audiovisuais en galego. Neste sentido, lembrou que os Orzamentos Xerais do Estado de 2022 inclúen unha partida de 10,5 millóns de euros para o apoio á produción audiovisual en galego, eúscaro e catalán.

"É unha contía modesta, pero fundamental para que o Ministerio de Cultura empece a apoiar o grandísimo talento que existe no audiovisual galego, que a pesar das dificultades xera produtos de gran calidade que son mesmo recoñecidos e premiados a nivel internacional", destacou Rego.

O deputado nacionalista, Néstor Rego. BNG
O deputado nacionalista, Néstor Rego. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta