CCOO estima en máis de 200 as consultas suspendidas por tres xornadas de folga en Otorrinolaringoloxía do CHUS

O paro tivo un seguimento "próximo ao 70 por cento". Hai aínda dous días máis de folga previstos para o 21 e 29 de decembro.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/12/2021 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

Comisións Obreiras estima que a folga no Servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico de Santiago levada a cabo as xornadas do 1, 10 e 13 de decembro supuxo a suspensión dunhas 200 consultas e tivo un seguimento "próximo ao 70 por cento". Así o manifestou este sindicato, que lembra que hai aínda dous días máis de paro previstos este mes para os días 21 e 29 de decembro.

Otorrinolaringoloxía.
Otorrinolaringoloxía.

A Federación de Sanidade de CCOO lamenta que a "inoperancia" da Xerencia da área compostelá "prexudique os pacientes" e destaca que estes paros "continuarán mentres non se dea unha solución ao conflito".

O comité de folga, pola súa banda, no que hai nove médicos especialistas en Otorrinolaringoloxía, denuncia "manobras da Xerencia para diminuír o impacto dos paros, ben sexa facendo cambios de actividade, ben sexa coa desprogramación de citas para os días de folga". "Oxalá tivesen a mesma axilidade para darlle solución ás nosas xustas reivindicacións", abundou.

Comisións Obreiras insiste en que "existe un conflito polo tratamento persoal e profesional entre o xefe de servizo e a maioría dos facultativos", que, engade, "foi aumentando en número de traballadores afectados, así como na intensidade das faltas de respecto, humillacións e menosprecios". Ademais, apunta "caos organizativo" que atribúe a este responsable.

No inicio das xornadas de folga, a Xerencia reivindicou o seu "labor de intermediación intensa desde o inicio das desavinzas internas entre os profesionais do servizo".

No entanto, por parte desta administración sanitaria aseguraron que "ante a falta de acordo entre os profesionais" a Xerencia elevou "a situación" ao servizo de Inspección da Consellería de Sanidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta