Galicia aproba esta semana os orzamentos con axudas a compra de vivenda, peaxes sostidas e deducións de IRPF

A tramitación concluirá tras incorporar máis de 50 cambios, a maioría dos populares, e varios do PSOE na lei de montes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2021 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

A tramitación dos orzamentos galegos para o ano 2022 e a lei de medidas fiscais e administrativas, tamén coñecida como 'lei de acompañamento', sairán adiante coa aprobación definitiva no pleno da Cámara esta semana, tras incorporar máis de medio centenar de cambios, a maioría propiciados polo PPdeG, e varios acordos co PSdeG, especialmente vinculados á lei de montes.

Ás propostas feitas polo Goberno galego nas contas, que ascenden a 11.627 millóns, cun gasto social --segundo as cifras achegadas pola Xunta-- de 8.660 millóns; os grupos engadiron novidades e matizacións, como axudas á compra de vivenda, unha subida das peaxes autonómicas sostida --por baixo do incremento do IPC que se proxecta-- e deducións de IRPF. Neste caso, ademais, o PPdeG eliminou do proxecto lexislativo o tramo de maior gravame para as rendas que superan os 100.000 euros que incorporara o Executivo autonómico por primeira vez e que, de facto, nunca se chegou a aplicar en Galicia.

Ademais de incorporar un aval para a compra de vivenda a menores de 35 anos --de forma que quedará cuberto o 95 por cento dunha hipoteca e só restaría achegar como aforro o 5 por cento--, a través das emendas do PPdeG incorpórase unha medida para compensar a subida do custo dos materiais nas obras públicas --se supera o 20 por cento-- e unha subida do 2 por cento nas peaxes de autoestradas autonómicas, e modifican a partida da Xunta para a compra de vehículos eléctricos.

As emendas aprobadas no debate en comisión tamén serviron para matizar a creación da nova categoría profesional de especialista en atención primaria, de maneira que este persoal queda desvinculado da prestación de servizos de urxencias hospitalarias, o cal supón un cambio fronte ao que expuxo inicialmente a Xunta.

OUTROS CAMBIOS

Á marxe das propostas do PPdeG, que se achegan ao medio centenar entre a lei de orzamentos e a lei de medidas, tamén foron incorporados algúns cambios a cargo da oposición, entre as que se atopan actualizacións da lei de emprego público --como os traslados para as vítimas de violencia machista--.

Así mesmo, incorporáronse varias transaccións relativas á Lei de montes que partiron de emendas dos socialistas, como no que ten que ver con que a consellería competente na materia xestionará aqueles terreos da comunidade que quede extinguida ata que se reconstitúa a comunidade e se cumpran os requisitos para o reinicio da actividade.

Comisión de Economía e Orzamentos do Parlamento de Galicia
Comisión de Economía e Orzamentos do Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta