Unha area no zapato

Hai pactos políticos que resultan ser moi perigosos. Os refráns teñen na súa existencia moita sabedoría. Por iso lembro un par deles: Dime con quen andas e direiche quen eres. Ou aquel outro: o que con rapaces se acosta... E hai máis semellantes que veñen a dicirnos que hai acordos que é mellor non facelos pois poden pasar factura electoral.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 19/12/2021

Comparte esta noticia

Mais os votos dos cidadáns ás veces son pouco reflexivos e danlle a confianza ó que logo  resulta ser un pufo dos máis perigosos. E nesa situación andamos nesta cidade onde a vida política e social  parece non ter futuro. Pois, segundo parece, comeza unha nova andaina. O  interese do alcalde da cidade por preparar a súa reelección lévao a compaxinar o posto de primeiro edil co de deputado provincial, tentando  liderar esta provincia ida a menos. E, como me dixo un membro da prensa,  seguro que iste paso  vainos dar moitas e boas  portadas, dado que o 22 deste  mes, como se fose un premio da lotaría,  toma posesión no Pazo provincial  como  deputado o sr. Jácome.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Europa Press.

Gonzalo, como xa ten  demostrado,  é unha persoa que ten incontinencia verbal. Non escoita os argumentos dos demais. Solo fala el. E cando os demais o fan  aplícalle  o dito: fala, fala que por  un ouvido  me entra e por outro lle sae. El ó seu,  e os demais que os parta un raio.  Gústalle moito o espectáculo e nel  dar a nota, aínda que desafine constantemente. E como ao mandato de catro anos xa lle queda pouco,  quere ter un espazo propio e lucir como se fose unha estrela no universo provincial.

Mais o alcalde  desta Auria naceu pra ser un guerreiro desfacendo  facendas públicas e de paso  tentando mellorar  a súa.  A Gonzalo gústalle  moverse na regueifa, no lodo  e desta maneira os plenos parecen discusións  de tasca, onde os reproches contra os seus, ós que lle chama traidores, amosan unha postal case repugnante que nos leva a facer unha pregunta: nos plenos fálase e discútese dos problemas da cidade? Non. Pola contra,  falase  das liortas entre o alcalde e os seus ex  compañeiros? Pois si.  Pero se  non temos PXOM, e tampouco  temos arranxado  as concesións de varios servizos importantes, todas   caducadas? Eso non importa. Tampouco se fala de que a piscina das Burgas está seca. Eso si;   fálase de que o seu partido lle fan falla máis cartos. Ah,todo pola pasta.  Pois ben, esa é a situación que temos no Concello. Un alcalde que desautoriza a unha concelleira do seu equipo de goberno, e esta contéstalle que fala así pra desviar a atención dos seus problemas xudiciais. E este señor agora tamén estará na Deputación chupando cámara  e os seus plenos verémolos na súa  marabillosa tele. Manda nabo!

Todo augura que a foto da amizade con Baltar pasará a ser algo doutro tempo,  e  si no Concello o  espectáculo barato é permanente,  todo leva a  que na Deputación pode acontecer algo semellante. E fin, que eramos poucos e pariu a aboa.

Polo que  moitos ourensás temos  verdadeiro interese en saber cal será a reacción dos  cidadáns  que lle deron a confianza a este persoeiro de comedia. E de paso se estes pactos serviron pra algo máis que facer o ridículo na vida política desta provincia.  Polo que,  a area no zapato, pode facernos rir e chorar á vez.  Pois é posibel que vexamos de novo  o deterioro das  institucións.  En fin, esperemos acontecementos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com