Rede Natura 2000: a proposta esquecida pola Xunta que podería ter freado os parques eólicos

Cúmprense dez anos da última proposta para protexer novos espazos galegos, que nunca se completou.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2021 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

En todas as mobilizacións a prol da protección da natureza galega --sexa contra os eólicos ou as minas-- remata quedando sobre a mesa, antes ou despois, a frustada ampliación da Rede Natura 2000, ese mecanismo da Unión Europea para impedir a destrución das contornas naturais ameazadas e que en Galicia funcionou a medias pola deixadez do PP á hora de aplicalo.

Bosque. EUROPA PRESS - Arquivo
Bosque. EUROPA PRESS - Arquivo

Foi polo 22 de decembro de 2011 que Samuel Juárez, entón conselleiro de Medio Rural presentou no Parlamento de Galicia a que ata o momento foi a última proposta para ampliar a Rede protexida. Juárez aseverou entón que a Rede Natura 2000, entón --e agora-- composta por 389.737 hectáreas, precisaba dunha ampliación ao ser considerada "insuficiente" pola Comisión Europea. 

Dende a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) lembran como Juárez, curiosamente, non aguantaría máis que 13 días no cargo despois de facer esas aseveracións como parte do primeiro goberno de Núñez Feijóo. Así foi que pasaron os anos e a proposta de ampliación, que tería elevado o terreo protexido a máis de 500.000 hectáreas (un 15'2% do territorio galego) foi quedando nos caixóns, cuberta de po.

PARÁLISE AO SERVIZO DA INDUSTRIA

Dez anos despois, os límites da protección auspiciada pola Unión Europea non se moveron un metro: nin se declararon novos Lugares de Interese, nin Zonas de Especial Protección de Aves, nin se adaptaron outras. Nada. Unha parálise que para a plataforma ecoloxista tivo que ver coa especulación enerxética que agora sofre Galicia da man dunha avalancha eólica que non parece ter visos de freo malia a moratoria anunciada pola Xunta e ante a cal até o CCG deu un toque de atención. 

Dende Adega sinalan tamén que a "desprotección" provocada pola parálise desta medida permitiu que o eucalipto seguira proliferando mesmo en terreos que deberían ter sido considerados RN2000. Neste aspecto, destaca o crecemento "imparábel" na metade norte de Galiza nos últimos anos. Por iso se dirixen á Xunta e á actual responsable da Consellaría de medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, para insistir na necesidade de protección da contorna de acordo cos obxectivos medioambientais da UE. 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

se non recordo mal houbo un tal Pachi Vázquez que lle dera licenza á mina da Campa en Froxán (Folgoso do Courel) movendo os límites da Rede Natura e dando por boas 32 Cuadrículas Mineiras...? Así que ese mal de xogar coa Rede Natura vén de lonxe... pero certamente, mal de moitos, pandemia ! Vai levar razón Greta Thunberg !