Temas: PANDEMIA BNG BANCA

O BNG ve ilegal a redución de horarios dos bancos

Instan ao Goberno a tomar medidas contra o que consideran "unha violación" sobre as leis de competencia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2021 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na Cámara baixa nas que insta o Goberno a actuar para evitar a redución de horarios por parte das entidades financeiras. O parlamentario do Bloque reclama ao Executivo estatal que tome medidas para solucionar o que considera que pode supor "unha violación" da normativa sobre a liberdade de competencia e que as persoas usuarias recuperen o dereito a ter uns horarios de atención adecuados para acceder a servizos financeiros básicos.

Nun comunicado remitido aos medios, Rego sinala que nos meses anteriores á declaración das restricións para a loita contra a pandemia, varias entidades financeiras socias da Asociación Española de Banca e da Confederación Española de Caixas e Aforros comunicaron o peche dos servizos de caixa a partir das 11,00 horas. Un servizo que, ata ese momento, se prestaba ata as 14,00 ou 14,15 horas, dependendo da entidade.

Con esta decisión, que o BNG ve "motivada por criterios de rendibilidade económica", sinala que as entidades están a prexudicar de forma importante aos usuarios e usuarias. "A redución de horarios afecta especialmente a aqueles colectivos vulnerables que, pola súa idade ou pola súa dificultade de acceso ás novas tecnoloxías, dependen da atención presencial personalizada", sinala Rego.

O deputado nacionalista destaca que non existen motivacións de tipo laboral que impliquen unha necesidade de axustar o horario e "tampouco pode alegarse como xustificación unha redución da demanda deste tipo de servizos". De feito, sostén que "é habitual" ver colas de persoas na rúa diante das entidades bancarias esperando ser atendidas.

Ademais, considera que "o feito de que diferentes entidades", "de forma paralela e coincidente no tempo, establecesen unha redución dos horarios de caixa", indica que "se trata dunha acción concertada", o que é "claramente ilegal e debe ser investigado polas autoridades competentes" como a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia (CNMC). Ante estas cuestións, reclama ao Goberno impulsar as modificacións normativas e lexislativas necesarias para garantir o acceso en condicións adecuadas aos servizos bancarios por parte da poboación.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. BNG | Fonte: Europa Press

Temas: PANDEMIA BNG BANCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Horario de caixa, comisións abusivas, denegación de servizos, peche de oficinas... seguimos para bingo ou cesamos ao Ministro de Consumo ?