Feijóo non descarta "restricións" en fin de ano para "protexer saúde e economía"

"Ata hoxe non impuxeramos ningunha restrición en hostalaría nin en ningún outro sector. Imos ver se podemos diminuír a interacción social sen producir efectos moi nocivos no sector", destaca.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2021 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, declinou concretar que medidas sairán do comité clínico que se reúne este luns, pero avanzou pasos "proporcionais e proporcionados" encamiñados a reducir as interaccións sociais en fin de ano co obxectivo de manter "baixo control" a presión hospitalaria e "protexer saúde e economía" fronte á evolución da pandemia.

Co debate dos cotillóns e do formato das Cabalgatas de Reis encima da mesa, Feijóo evitou concretar que medidas sairán do comité clínico, pero remarcou en varias ocasións que ata agora en Galicia non se adoptou "ningunha restrición" e levou o foco á hostalaría, por exemplo.

Así, advertiu que, aínda que a situación está baixo control nos hospitais galegos polo momento, a incidencia e a taxa de positividade son "moi altas", polo que, se se mantén ao longo de varios días o incremento de contaxios, isto podería cambiar. Tamén reflexionou sobre o impacto que ten sobre a economía cada contaxio de covid-19 e a súa correspondente corentena.

Tren turístico circulando polo centro de Vigo, e percorrendo as zonas da iluminación do Nadal, en decembro de 2021.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Tren turístico circulando polo centro de Vigo, e percorrendo as zonas da iluminación do Nadal, en decembro de 2021.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press | Fonte: Europa Press

"É evidente que con 3.000, 2.700 ou 2.500 casos diarios de forma acumulada nos próximos días estariamos nunha situación hospitalaria non tan tranquila", incidiu o presidente galego, antes de recalcar que, en todo caso, nos diferentes factores, a evolución en Galicia é "mellor" que a media do estado. A súa mensaxe estivo marcada polo chamamento á "tranquilidade", pero tamén á prudencia, e tamén apuntou ao impacto que ten sobre a economía cada contaxio de covid-19 e a súa correspondente corentena.

EVITAR EFECTOS "MOI NOCIVOS" PARA A HOSTALARÍA

Con estas premisas sanitaria e económica, insistiu en que os expertos clínicos que asesoran a Xunta determinarán "se o lóxico" de cara a fin de ano é adoptar algunha estratexia para "reducir a interacción social", nun contexto marcado tamén pola explosión da variante Ómicron, que chega "na peor quincena na que podería producirse", dado o propio carácter das festas do Nadal.

"Ata hoxe non impuxeramos ningunha restrición en hostalaría nin en ningún outro sector. Estamos a aguantar de forma razoable(...) Pero imos ver, volvo reiterar, nesta situación que é o proporcional e proporcionado, que é o que debemos buscar", cuestionou, para concluír que o que é preciso buscar é reducir a interacción social. "Imos ver se podemos diminuír a interacción social nos próximos días sen producir efectos moi nocivos no sector servizos e especialmente na hostalaría", concluíu.

AVAL XUDICIAL

Preguntado acerca de se os pasos poderían ir na liña de medidas tomadas por Asturias ou Cataluña e, se lle preocupa, neste caso, o aval xudicial, Feijóo volveuse queixar do impacto de que siga sen haber unha lexislación para o conxunto do Estado e remarcou que, mesmo ante os mesmos supostos, distintos altos tribunais autonómicos fallaron en distinto sentido.

"Agora ben, teño que dicir que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sempre actuou, polo menos na inmensa maioría dos casos, conforme á petición do comité clínico e da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta