Temas: REIS MAGOS NADAL

Os Reis Magos chegan a Galicia con restricións pola covid-19

Nenos e nenas recibíronos nunha xornada marcada pola pandemia e con medidas de seguridade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/01/2022 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

Nenos e nenas recibiron os Reis Magos este mércores nunha xornada marcada pola pandemia e con medidas de seguridade, como o uso de máscara e distancia social, pero coa ilusión e a expectativa doutros anos.

Dous nenos entregan as súas cartas aos  reis nunha cabalgata estática no parque de Bonaval en Santiago de Compostela
Dous nenos entregan as súas cartas aos reis nunha cabalgata estática no parque de Bonaval en Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Europa Press.

Os máis madrugadores fixérono xa pola mañá nas cabalgatas estáticas organizadas por algúns concellos; nos percorridos promovidos por outros en vehículos das súas maxestades de Oriente ou nas recepcións, nuns casos desde o balcón e, noutros, mediante "circuítos seguros".

A expectación dos máis pequenos e pequenas foi a mesma, malia ter que facelo baixo paraugas como nas recepcións ofrecidas desde o balcón nalgún consistorio. Polo contexto de pandemia e as recomendacións sanitarias, algúns concellos organizaron xa desde a mañá, outros desde o mediodía, como en Vigo, cabalgatas estáticas.

Este foi o caso da do parque de Bonaval, en Santiago, ou do auditorio municipal Gustavo Freire, en Lugo. Nela, Melchor avanzou aos máis pequenos que veñen "cargados de sorpresas". "Só fai falla unha faísca de maxia para contaxiar a esperanza", terminou o seu discurso.

DIVERSIDADE DE PROPOSTAS

A visita de Melchor, Gaspar e Baltasar foi de distinta maneira en función dos municipios xa que uns optaron por cabalgatas dinámicas como as da Coruña, Ourense e Ferrol, ou estáticas --seguindo a recomendación da Xunta pola incidencia de contaxios por covid-- como foi o caso de Vigo, Pontevedra, Lugo ou Santiago.

Tamén houbo diferenzas en canto á repartición de caramelos. Algúns consistorios decidiron non dalos, como Ferrol, mentres que Vigo si o fixo, con seis toneladas de caramelos, nunha cabalgata estática, cunha repartición de pases, previa solicitude, para un acceso de forma graduada e cumprindo as medidas sanitarias.

O acceso, con algo de cola por momentos, pero, en xeral, fluído, fíxose a través duns carrís diferenciados, pero sen grandes problemas. A temática foi de Xulio Verne e elementos das súas obras formaban parte da cabalgata. En Pontevedra, o lugar escollido foi o paseo de Montero Ríos, con 26 grupos acompañando ás súas Maxestades para animar as rúas.

CABALGATAS DINÁMICAS

Na Coruña, desde o primeiro momento optouse por unha cabalgata dinámica, que partiu a media tarde do mercado de Sardiñeira nun percorrido de tres quilómetros con parada final na praza de María Pita, como é tradicional.

Control de aforamento á chegada das súas maxestades á mesma e o recordo do uso de máscara e o cumprimento da distancia de seguridade aos asistentes foron outras das decisións adoptadas polo consistorio, nunha cabalgata con 15 carrozas, catro trens e 14 compañías artísticas.

En Ourense, Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron á cidade no novo tren de alta velocidade, para facer un percorrido desde a estación ata o xardín do Posío. Foi sen a tradicional recepción aos Reis Magos, pero con retransmisión por Youtube.

Temas: REIS MAGOS NADAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta