Volta ao cole: máis de 200 docentes de baixa e "tranquilidade" nas familias

Pais e nais chaman á "responsabilidade" para garantir a seguridade das aulas e Anpas Galegas pide que se cubran as baixas para asegurar a atención.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2022 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

Os centros galegos retoman a actividade tras o parón das festas do Nadal. Os menores regresaron este luns ás aulas de escolas e institutos de toda Galicia nun contexto marcado pola elevada incidencia da Covid-19, que supera xa os 67.700 casos activos en Galicia.

Con todo, as familias mostraron a súa confianza na seguridade dos centros educativos tanto a través dos protocolos vixentes desde o inicio da pandemia, o coñecemento e a experiencia das medidas de control como do avance na vacinación da poboación escolar.

De feito, Galicia lidera as cifras de vacinación infantil con case o 54 por cento da poboación entre 5 e 11 anos coa primeira dose administrada, situándose 20 puntos por encima da media estatal. Mónica e Carlos, pais que residen en Santiago de Compostela, acudiron este luns ao colexio La Salle acompañando aos seus fillos neste arranque do segundo trimestre escolar.

En declaracións a Europa Press, Mónica recoñeceu que hai incógnitas sobre a situación dado que a "incidencia está bastante alta", pero insistiu en que eles optaron por ser "un pouquiño responsables" e toman todas as precaucións posibles para garantir a seguridade.

"Onte fixémonos test de antíxenos para vir máis seguros ao colexio. Deu negativo, creo que nós fomos un pouquiño responsables e vimos con tranquilidade. Espero que todo o mundo fose tamén responsable", destacou. En todo caso, a proxenitora defendeu os colexios como "sitios seguros" e "nunca" se expuxo non levar aos seus fillos a pesar do contexto actual, dado que as medidas están a funcionar.

"ESTÁ A DAR RESULTADOS"

Mónica, cun pequeno recentemente vacinado e unha filla adolescente coa pauta completa, defende ademais que o proceso de vacinación "está a dar resultados" e permite minorar os efectos secundarios do virus.

"Con todo teño un caso na familia que non se vacinou e case ten que ingresar no hospital, unha moza nova", advertiu, para facer un chamamento á responsabilidade social respecto da inmunización contra a Covid-19.

Carlos, con dous fillos en infantil e primaria, mostrou menos confianza na inoculación dos menores posto que "as vacinas non están a funcionar para evitar contaxios", aínda que si para "recudir complicacións e os casos máis graves". En todo caso, mostrou tranquilidade a partir das medidas que adoptan tanto "as familias, o colexio e a administración" para que "polo menos se reduza o máximo posible" a incidencia e "non supoña complicacións demasiado graves".

Ambos defenderon, ademais, a importancia da presencialidade, sobre todo para garantir a conciliación. "Necesitabámolo por tema de traballo, non era unha opción non volver ao colexio. Se non tería que buscar alternativas, deixalo coa familia, ludotecas"...., resolveu Carlos.

GARANTIR A ATENCIÓN

Asociacións de nais e pais, pola súa banda, asumen o regreso ás aulas "sen excesiva preocupación" dado que os centros nunca se situaron como "principal foco de contaxio". "Os pequenos, se se van a contaxiar, vano a facer tanto dentro como fóra dos centros", trasladou Fernando Lacaci, da confederación Anpas Galegas.

Por iso insistiu en que "o preocupante" é garantir a atención tanto aos alumnos que teñan que gardar corentenas como aos que se atopan nos centros, para o que será necesario contar con profesorado de substitución "suficiente".

Así, apelou a unha reunión celebrada o pasado venres con representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na que se asegurou que os chamamentos se estaban realizando "de maneira inmediata" en canto as direccións comunican unha baixa docente.

Unha muller leva da man a un neno ao seu primeiro día de clase presencial tras o Nadal. David Zorrakino - Europa Press
Unha muller leva da man a un neno ao seu primeiro día de clase presencial tras o Nadal. David Zorrakino - Europa Press | Fonte: Europa Press

BAIXAS PENDENTES

Os últimos datos facilitados pola Xunta indicaban que había máis 200 docentes de baixa pendentes por cubrir o pasado venres, aos que habería que sumar as novas ausencias que se produzan a partir deste luns, con especial atención a aquelas que se rexistren por incremento de contaxios. "Hai que deducir que van ser bastantes", considerou Lacaci, dado que as cifras no sistema educativo sempre avanzaron en paralelo ás do resto da sociedade.

Neste sentido, a CIG-Ensino advertiu de que a Xunta mantén "inalterada a súa estratexia de reducir profesorado" para facer fronte á pandemia a pesar da evolución sanitaria e calculou en que as baixas sen cubrir ascenderon a unhas 350 este luns.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta