Temas: FUXIDAS

Vinte novos petróglifos descubertos en Santiago á espera da catalogación

O colectivo cultural A Rula atopa unha vintena de petróglifos en Villestro, no límite entre Santiago e Ames.

Por GC Tendencias | Santiago | 15/04/2014 | Actualizada ás 22:08

Comparte esta noticia

Dende que atoparon por casualidade o primeiro gravado na parroquia de Villestro, a menos de 10 km de Compostela, os membros de A Rula non pararon de facer novos achados na zona, ata unha vintena. Trátase dunha descuberta moi importante polo seu número, xa que no concello de Santiago hai catalogados 13 petróglifos e só oito en Ames.

Petróglifo Devesa da Rula //
Petróglifo Devesa da Rula //

Entre os achados de A Rula encóntrase un gravado zoomorfo, neste caso un cérvido, o único zoomorfo de Santiago e no que se basea o logo do colectivo. Tamén encontraron varios gravados con formas cuadrangulares, únicas na comarca compostelá e das que hai pouca constancia no resto de Galicia. “É difícil teorizar sobre o significado destas formas cuadrangulares” nos conta Pablo Sanmartín, membro de A Rula, “aínda que eu penso que poderían ser signos de delimitación do espazo ou para marcar camiños.” Isto ten sentido xa que os petróglifos de Villestro atópanse nunha zona tradicionalmente de paso, como demostra a súa proximidade ao Camiño de Santiago.

Precisamente esta relación co Camiño reforza a idea do posible aproveitamento turístico destes petróglifos; “é unha boa oportunidade para o concello” segundo Pablo. O seu colectivo xa ten pensado organizar proximamente unha ruta para dar a coñecer o conxunto de gravados de Villestro.

"Mentres outros vanse de cañas nós imos de ruta"

Sendeirismo e arte rupestre é unha combinación perfecta segundo os quince membros de A Rula. Moitas rutas son nocturnas porque con luz artificial aprécianse mellor os gravados. “Mentres outros vanse de cañas nós imos de ruta” comenta Pablo, en nome deste grupo de profesionais interdisciplinares, entre eles historiadores, xeógrafos, fotógrafos e tamén arqueólogos, todos unidos pola súa paixón pola arte rupestre.

Non en van, foi dando un paseo cando o presidente do colectivo, Luis Leclere, encontrou o primeiro petróglifo dos vinte de Villestro. A súa cadela, Loba, elixiu unha pedra onde descansar, que casualmente lucía un gravado.

Vivimos rodeados de arte rupestre, moitas veces sen tan sequera darnos conta. Dos trece petróglifos que hai catalogados no Concello de Santiago, ningún está realmente acondicionado para a visita. Moitos dos gravados da comarca están cubertos de maleza ou inaccesibles. O colectivo A Rula confía en que as autoridades fagan eco dos seus achados e faciliten que o monte onde se encontran os petróglifos, agora en proceso de concentración parcelaria, se preserve para que todos poidamos gozar da súa beleza e importancia histórica. 

Temas: FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Moureira

Feijoo, corre a tirar con ele. É a túa especialidade (xunto a mámoas, castros....)

1 Cañeiro histórico

"Mentres outros vanse de cañas nós imos de ruta" Noraboa polo descubrimento. Pero Atención!!! Noticia!!! Pódense facer as dúas cousas!!!