Temas: FRASEOLOXíA

“Gastar # Romper unhas mangas novas” ou “gastar uns zocos novos”, equivalentes, entre outras, ao castelán “estar alguien bien conservado”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 16/01/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Gardando relación co artigo da anterior entrega (e incluso, como xa comentamos no mesmo, chegando a poderen compartir espazos de uso as expresións deste e daquel), ímonos meter hoxe con secuencias expresivas que fornecen o significado de que unha persoa, nomeadamente xa de certa idade, aparenta polo seu físico e polo aspecto externo en xeral ter menos tempo do que na realidade ten.

Confección de zocos
Confección de zocos | Fonte: Wikipedia

Estar alguien bien conservado

{= Aparentar unha persoa –nomeadamente unha persoa xa de certa idade–, polo seu físico e aspecto externo en xeral, ter menos tempo do que na realidade ten.}

Estar ben conservado

(Aínda # Inda) Gastar unhas mangas novas && Estar (aínda # inda) para gastar unhas mangas novas

(Aínda # Inda) Romper unhas mangas novas && Estar (aínda # inda) para romper unhas mangas novas

(Aínda # Inda) Gastar uns zocos novos && Estar (aínda # inda) para gastar uns zocos novos

(Aínda # Inda) Romper unhas zamancas && Estar (aínda # inda) para romper unhas zamancas

[E TAMÉN]:

(Aínda # Inda) Romper unhas mangas && Estar (aínda # inda) para romper unhas mangas

Aínda # Inda non apear

Ex.: Hacía tiempo que no veía a su prima de Montevideo pero la reconoció de inmediato, porque, aunque pasa con creces de los cincuenta, no ha cambiado demasiado en todos estos años y se conserva muy bien.

Había tempo que non vía a súa curmá de Montevideo pero recoñeceuna ó dereito, porque, malia que pasa ben ás cheas dos cincuenta, non mudou demasiado en todos estes anos e inda gasta unhas mangas novas e inda está para romper unhas mangas (novas) e aínda gasta uns zocos novos e aínda está para romper unhas zamancas e inda non apea.

● E mais tamén:

Conservarse joven # bien

Conservarse novo # noviño # mozo # ben

● Tamén, nesta mesma liña, e en contextos:

No pasar el tiempo por alguien && No pasar los años por alguien

Non pasar o tempo # un día por alguén && Non pasar os anos # un ano por alguén

● Mesmo tamén, para aqueles contextos en que se está a falar dunha persoa vella pero ben composta e con aspecto de saúde:

Estar novo de pano vello

NOTAS:

1. As expresións gastar unhas mangas novas, romper unhas mangas, gastar uns zocos novos ou romper unhas zamancas tamén se empregan para dar conta de que unha persoa de certa idade inda está de bo ver, que está fisicamente atractiva ou sexualmente apetecible, tal e como se recolle no Dicionario Fraseolóxico Galego ou no traballo “120 locucións verbais galegas”.

2. Polo que atangue á expresión inda non apear (tirada de Como falan os brañegos, de Antonio Noriega Varela), temos que recoñecer que non sabemos con certeza a que pode facer referencia neste caso o verbo apear.

Non obstante, é posible que teña que ver coa acepción de “Desfallecer, perder el ánimo”, que, por exemplo, recolle para a entrada apear a Real Academia Galega no seu Diccionario gallego-castellano de 1923-1928, acepción esta que exemplifica, precisamente, cun poema da obra Montañesas do referido Noriega Varela.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [actualmente, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta