Se verdadeiramente somos un Estado de dereito

Independentemente da idea ou visión de Estado que teña cadaquén, se verdadeiramente somos un Estado de dereito, cabe dicir, sen reparos, que ningún cidadán pode estar por encima de ningún outro. Ao abeiro desa afirmación –os que aínda mantemos a esperanza de que nela queden algúns remanentes de verdade– non nos queda máis remedio ca dicir que Artur Mas tanto pode ser presidente da Generalitat de Cataluña como ocupar unha cela nun cárcere calquera, igual ca calquera outro cidadán.

Por Xoán Vázquez | Newart, New Yersey | 19/04/2014

Comparte esta noticia
E conste, iso está moi lonxe de ser malevolencia; iso é Estado de dereito na súa forma máis digna. A única posible. Alí onde haxa intocables xa non pode haber Estado de dereito, e onde haxa Estado de dereito non pode haber intocables. A partir diso, buscar solucións. Democráticas, coherentes, claras e contundentes.
 
Aínda cando recoñezo que é difícil presentar opinións asépticas cando os temas están profundamente embrollados no mundo das emocións e decididamente vinculados ás cousas de comer, poucas son as dúbidas que me asaltan de que na conxuntura actual Cataluña vai camiño de se converter nunha peza prescindible –e aínda falsa e ruín– desta máquina que compartimos. Quizais o mellor sexa facilitarlle a saída. O activo máis prezado de calquera sociedade democrática é a estabilidade inherente ao Estado de dereito e mailo desenvolvemento dunha cultura de compromiso indelegable cunha  ética e  civismo indelebles que non conciban alternativas á fonte desa estabilidade. A ausencia deses valores é o fecundo da discordia e da proliferación dun relativismo mediocre, que de seu é unha porta aberta ao disparate como norma. Ou sexa, conflicto e decadencia. Conflicto porque aqueles que non renuncien ao seu compromiso coa ética e civismo non poden darlle entrada a pasaxeiros relativismos de modas desnortadas. E entre nós o conflicto está cantado. Onde o conflicto está cantado a cultura da ética e civismo está ameazada: todas esas boas formas son simples exercicios de hipocrisía á agarda de arrebolar o primeiro trancazo. Detrás deses sorrisos amables agáchanse agoiros de sacudidas de  árbores. Daquela, xa case calquera solución é mellor ca non facer nada. Calquera. 
 
Con todo, é difícil imaxinar un desenlace fructífero de forzar a alguén a estar onde non quere. O que xa non é tan difícil de imaxinar é a pobreza, miseria e decadencia – ineludibles– de vivir nun estado permanente de conflicto. Velaí as reaccións perante o ditame (unánime) do Constitucional. Cando xa nin a unanimidade abonda, podemos dar por feito que estamos nun estado de rebeldía chamado a levar o disparate ata as últimas consecuencias. E as últimas consecuencias, se verdadeiramente somos un Estado de dereito, poden ser moi serias: o Estado de dereito, por definición, ten que prevalecer, tamén aos furtivos de noces. Pase o que pase, custe o que custe.  O Estado de dereito ten que, impecablemente, defender as liberdades de tódolos cidadáns. Onde o Estado de dereito sucumbira só quedarían mortizos e carnaza. E un mundo de mortizos e carnaza quedaría sentenciado ao bandullo dos voitres.   Os cidadáns temos dereito a aspirar a algo máis.  Non obstante, e sen caer na debilidade –intolerable nun Estado de dereito–, sirvámonos do propio Estado de dereito para facilitar instrumentos legais que permitan a saída dos que non queiran estar. É unha cuestión de futuro. Ese mesmo futuro que reclama de bases ancoradas na seguridade xurídica e na solidariedade líquida, elementos ámbolos dous imprescindibles para o desenvolvemento e a  prosperidade.   
 
É difícil calcular cantos postos de traballo xa foron destruídos –xa nin falar dos non creados.  E é difícil calcular cantos investimentos non foron parar a países máis serios e estables, que por desgracia para nós e para todos case calquera país occidental se pode así considerar.  Cantos miles de cidadáns perderon os seus traballos, cantos desafiuzados, cantas vidas arruinadas dos forzados a emigrar. E cantos lle deben esa desgracia a Artur Mas. No medio da crises financieina máis grave da era moderna, a contribución de Cataluña  –disque motor do Estado– foi e é verter veleno sobre a economía, foi e é fonte de destrucción e ruína. Verdadeiramente cremos que unha Cataluña así ten algo que contribuír á prosperidade colectiva?  Facilitémoslle a saída. Pero prudencia, se os cataláns teñen ou non dereito á súa autodeterminación, non o sei; o que si sei é que non teñen dereito a levarnos aos demais á ruína.  
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA