Alertan de que grandes investidores masifiquen o modelo de vivendas turísticas para pagar menos

O Clúster do Turismo piden á Xunta un grupo de traballo que revise a normativa das vivendas turísticas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2022 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

O Clúster de Turismo de Galicia acordou este xoves solicitar á Xunta de Galicia a creación dun grupo de traballo, de carácter público-privado, para revisar e actualizar a normativa que regula as vivendas de uso turístico.

Nun comunicado, a asociación explica que o obxectivo é "equiparar os requisitos legais que deben cumprir este tipo de aloxamentos con respecto a outros establecementos regulados". "Non se pretende limitar a actividade dos pequenos propietarios, senón evitar que grandes investidores opten polas vivendas de uso turístico en detrimento de outras modalidades de aloxamento, sometidas a regulacións máis estritas", insisten.

Aínda que recoñecen que a publicación do decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, supuxo "un primeiro paso" para identificar e dimensionar a oferta de vivendas de uso turístico en Galicia, ven "imprescindible" actualizar a normativa que rexe estes aloxamentos para equiparala en canto a obrigacións co resto do sector, así como para profundar na problemática que xorde en certos destinos e momentos do ano no tocante á carga turística e á convivencia cos residentes.

"Como parte implicada na elaboración do Plan director 2021-2023 Galicia destino seguro, cremos firmemente nunha aposta por un destino seguro, innovador, sustentable e que sitúa a calidade como sinal de identidade. Para alcanzar esta visión é preciso que todos os axentes do ecosistema turístico galego compitan en igualdade de condicións", aseguraron.

O Clúster, segundo apuntan no comunicado, tomou esta decisión este xoves na reunión mensual do Consello Executivo da entidade. Tras isto, a Asemblea Xeral do Clúster de Turismo de Galicia aprobou, en sesión extraordinaria celebrada na Cidade da Cultura de Galicia, a admisión como nova entidade asociada da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (AVITURGA).

Decreto vivendas turísticas. EUROPA PRESS - Arquivo
Decreto vivendas turísticas. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta