Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2022 | Actualizada ás 19:00
O Centro Singular de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) desvelou novos datos sobre a pouco coñecida natureza contaxiosa do cancro ao descubrir un novo caso que afecta a especies como a ameixa. O artigo, do que informou a USC e que foi publicado na revista eLife, recolle os primeiros resultados do proxecto europeo Scuba Canders, no que participan --ademais do grupo de Xenomas e Enfermidade liderado por José Tubío-- equipos de Portugal, Francia, Irlanda e Croacia.
O persoal científico de Scuba Cancers profundou nun novo cancro contaxioso que afecta a unha especie de ameixa. Para iso, cultivaron máis de 500 unidades deste molusco bivalvo nos países que integran o proxecto e atoparon un tipo de cancro similar á leucemia chamado neoplasia hémica. As tecnoloxías de secuenciación de ADN permitiron descubrir que as células canceríxenas da especie orixinal "poden saltar entre especies comportándose de forma infecciosa", segundo apunta a investigadora do CiMUS, Alicia L. Bruzos.
Ademais, tal e como sinala o profesor Tubío, o "estudo xenético destes cancros contaxiosos é un novo punto de vista para tentar entender a metástase, é dicir, a propagación do cancro a outros órganos do corpo. Con este novo caso de cancro contaxioso agora contamos con máis modelos para estudar as causas xenéticas da transmisibilidad do cancro".
A USC sinala que os cancros contaxiosos descubríronse recentemente grazas aos avances do campo da xenética que permiten determinar en que individuo orixinouse unha célula tumoral. Actualmente só se coñecen cancros contaxiosos en cans, demos de Tasmania e varias especies de mexillóns, ameixas e berberechos.
O estudo do ADN, tanto nuclear como mitocondrial, revelou, tal e como se evidencia no artigo, que este cancro se orixinou nunha ameixa 'doante' diferente que habita nas mesmas rexións que as primeiras ameixas 'receptoras'. O contaxio de cancro entre especies próximas alerta, por tanto, do perigo que supoñen estes cancros contaxiosos.
"Os nosos achados confirman que os cancros transmisibles mariños poden saltar entre especies e sinalan a necesidade da súa identificación e caracterización xenética para o seu monitoreo e prevención porque podería supor un perigo para o ecosistema mariño e unha seria ameaza ecolóxica", sostén a investigadora do CiMUS.
"Un estudo previo sobre o cancro contaxioso de mexillóns que se atopa nas costas europea e suramericana propuxo como potencial vía de contaxio a viaxe de mexillóns adheridos aos cascos de barcos que realizan rutas comerciais entre Europa e Sudamérica", afirma Alicia L. Bruzos, que sinala que isto suxire profundar no coñecemento da ruta completa dos contaxios do cancro e as vías de transporte para coñecer as causas reais da transmisión.
O cancro contaxioso sobrevive á morte da ameixa na que se orixinou porque infecta a novas ameixas. De feito, o cancro contaxioso que padecen os cans estimouse que ten uns 8.500 anos. "Futuros estudos permitirannos lanzar luz sobre a idade do cancro contaxioso das ameixas doantes, pero como mínimo, sábese que ten uns nove anos de antigüidade, xa que as mostras analizadas neste estudo foron cultivadas entre 2011 e 2020", sostén o investigador Daniel García-Souto. O proxecto Scuba Cancers está financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC) con 1,5 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.