O Goberno lanzará en febreiro un novo plan de recuperación para a industria naval

Fará fincapé no papel do hidróxeno "verde" para transformar a cadea de valor dos estaleiros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2022 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

O Goberno lanzará o próximo mes de febreiro un novo Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) para a industria naval e traballa noutro focalizado na economía circular, segundo anunciou o secretario xeral de Industria e Peme, Raül Blanco.

Na presentación no Campus Repsol do proxecto Shyne (Spanish Hydrogen Network), Blanco destacou que xa se traballa con Navantia e Pymar, os estaleiros públicos e privados, neste Perte, onde o hidróxeno verde terá "un papel importante", tal e como sucedeu nos da automoción ou o desenvolvemento das renovables xa lanzados polo Goberno.

Este Perte erixiuse nunha das demandas do sector naval para impulsar a transformación da súa cadea de valor, a través dos eixos da dixitalización, formación, transición ecolóxica e diversificación da actividade, aproveitando as crecentes oportunidades que brindan a eólica mariña e as novas enerxías renovables.

Responsables da CIG en Vigo realizan un acto simbólico de 'ocupación' das instalacións de Barreras, para reclamar a intervención pública do estaleiro e implicación política para salvar o sector naval.. CIG-VIGO
Responsables da CIG en Vigo realizan un acto simbólico de 'ocupación' das instalacións de Barreras, para reclamar a intervención pública do estaleiro e implicación política para salvar o sector naval.. CIG-VIGO

Precisamente, vense de coñecer que Goberno lanzará a próxima semana dúas novas convocatorias do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) para impulsar as enerxías 'verdes' cunhas axudas de 400 millóns de euros para o impulso do hidróxeno renovable.

No acto de presentación no Campus Repsol do proxecto Shyne, a secretaria de Estado de Enerxía, Sara Aagesen, sinalou que estas axudas se destinarán a proxectos pioneiros e ao impulso da cadea de valor desta tecnoloxía.

AXUDAS AUTONÓMICAS

Pola súa banda, a Xunta destinará 7,4 millóns de euros para equipar e modernizar portos, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar na próxima convocatoria, que se distribuirá entre as anualidades de 2022 e 2023. Así o anunciou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, na súa visita este mércores á lonxa de Aguiño, no concello coruñés de Ribeira; "instalación que nos últimos anos beneficiouse de distintas axudas para mellorar as súas infraestruturas e as condicións de traballo dos pescadores".

A nova orde de subvencións publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas próximas semanas e estará cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, "co obxectivo de optimizar o funcionamento de portos, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar". Destas axudas poderán beneficiarse as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores de pesca, as cooperativas e as asociacións de marisqueo a pé e de redeiras. Tamén poderán optar a elas as administracións públicas con competencias en portos para proxectos dirixidos á pesca costeira artesanal; todas elas deben ser entidades sen ánimo de lucro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta